
A CIG-Ensino gaña as eleccións sindicais en Preescolar na Casa conseguindo a totalidade das delegadas e delegados
68 votos que dan que as/os tres delegadas/os serán da CIG-Ensino
A CIG-ENSINO saca os/as tres delegados/as que se elixiron, obtendo os seus candidatos/as 68 votos.
Os resultados foron os seguintes:
· Votos a candidatos da CIG: 68
· Votos a candidatos de CCOO: 11
· Votos a candidatos de STEG: 6
Este resultado mostra tamén, con toda rotundidade, o rexeitamento á pretensión do PP de pechar Preescolar na Casa, ao retirar as subvencións que lle viña outorgando até o de agora. Este afogamento da Xunta de Galiza a este programa, fundamental no ámbito rural, que desenvolven 42 traballadores/as e que atende a máis de 4000 familias, só se pode entender por motivacións políticas, xa que este programa cumpre unha función primordial e é pioneiro na educación.
A Xunta de Galiza ten que saber que estes resultados dannos máis forza e reforzan os posicionamentos da CIG para seguir batallando, con todos os medios, até garantir a continuidade do programa e asegurar o posto de traballo do seu persoal, cuxa profesionalidade os levou a construír un programa referente na Educación Infantil, mesmo noutros países. A sociedade galega non pode aceptar o desmantelamento dun modelo educativo integramente inserido na nosa realidade cultural e social. É dicir, un modelo educativo galego que é patrimonio de todos e todas nós.
A CIG-ENSINO, conxuntamente cos/coas representantes dos traballadores/as e outras organización sindicais, está promovendo unha Iniciativa Lexislativa Popular para asegurar o futuro do programa e dos postos de traballo, integrándoo no ensino público galego. Da importancia e da necesidade do programa Preescolar na Casa dá conta a enorme acollida que está a ter esta Iniciativa Lexislativa Popular, pois, a día de hoxe, a CIG-Ensino xa leva recollidas preto de 8.000 sinaturas.
Novas relacionadas