A CIG-Ensino gaña as eleccións e consolida a súa maioría no profesorado universitario galego
Os resultados das eleccións sindicais entre o persoal docente e investigador galego sitúan o sindicato nacionalista como referente nas tres universidades, con máis representantes e porcentaxe de voto que hai catro anos
A CIG-Ensino aumenta a súa representación e reforza a condición de primeira forza sindical entre o profesorado universitario. Os resultados das eleccións sindicais do 9 de maio consolidan o apoio electoral do PDI e premian novamente o compromiso dunha acción sindical centrada nunha visión global do sistema universitario galego, nunha liña inquebrantábel de defensa da universidade pública e dos dereitos laborais do seu profesorado e persoal investigador, ao tempo que atende os problemas e conflitos do día a día en cada universidade.
A posición como primeira forza sindical entre o profesorado, que a CIG-Ensino leva anos mantendo, sae aínda máis consolidada tras os resultados electorais. O sindicato gaña en representación en todas as universidades, cun incremento de un representante tanto na USC como na UDC e co importante medre de seis representantes na UVigo, onde se elixían oito representantes máis que hai catro anos.
En porcentaxe de voto, a CIG-Ensino pasa do 27% ao 31%, quedando CCOO co 25%, UGT co 20% e CSIF co 19%. O medre porcentual trasládase tamén en cifras de representación, ao pasar de 38 a 46 representantes no conxunto dos comités de empresa e xuntas de persoal.
Desde o sindicato agradecemos a confianza do PDI das tres universidades galegas e comprometémonos a manter a defensa da universidade pública galega e dos dereitos do seu persoal no centro da nosa acción sindical.
Resultados
USC | CIG | CCOO | UGT | CSIF | TOTAIS | |
PDI FUNC | 5 | 8 | 3 | 7 | 23 | |
PDI LAB SANTIAGO | 8 | 6 | 3 | 6 | 23 | |
PDI LAB LUGO | 2 | 3 | 1 | 3 | 9 | |
TOTAL | 15 | 17 | 7 | 16 | 55 | |
UDC | CIG | CCOO | UGT | CSIF | TOTAIS | |
PDI FUNC | 5 | 4 | 2 | 6 | 17 | |
PDI LAB | 7 | 4 | 4 | 6 | 21 | |
TOTAL | 12 | 8 | 6 | 12 | 38 | |
UVIGO | CIG | CCOO | UGT | ASOC | TOTAIS | |
PDI FUNC | 8 | 5 | 8 | 21 | ||
PDI LAB PONT. | 6 | 5 | 4 | 6 | 21 | |
PDI LAB OURENSE | 5 | 3 | 5 | 13 | ||
TOTAL | 19 | 13 | 17 | 6 | 55 | |
TOTAL SUG | CIG | CCOO | UGT | CSIF | ASOC | TOTAIS |
TOTAL PDI FUNC | 18 | 17 | 13 | 13 | 61 | |
TOTAL PDI LAB | 28 | 21 | 17 | 15 | 6 | 87 |
31,08% | 25,68% | 20,27% | 18,92% | 4,05% |