A CIG-Ensino, FSIE, UGT, CCOO, USO e SNEP anuncian novas mobilizacións no ensino concertado ante a calada por resposta da Consellaría que se amosa coma unha auténtica fábrica de conflitos

As seis OO.SS convocan unha caravana de coches para o 28 de maio nas cidades de Vigo e A Coruña, unha manifestación rodeando San Caetano o día 29 deste mes e se non hai avances nas súas reclamacións folga o primeiro día lectivo do curso 26-27.

Todas as OOSS con representatividade no ensino concertado volveron trasladar formalmente e por escrito este luns á Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a súa fonda preocupación pola situación que atravesa o ensino concertado en Galiza e, ao mesmo tempo, reafirmar a súa exixencia de apertura dun proceso de negociación real, efectivo e respectuoso, convocando a Mesa Tripartita, que permita avanzar cara á recuperación de dereitos e melloras substanciais laborais e salariais para o persoal do sector, así como a mellora da calidade educativa en Galiza.

Este escrito dá continuidade á recente concentración do 5 de maio ás portas da Consellería, na que arredor de 400 delegados e delegadas do sector amosaron o crecente malestar e a sensación de abandono que existe entre o persoal traballador deste colectivo. Esta mobilización non pode ser ignorada nin minimizada: é a expresión clara dun profesorado e do resto de persoal traballador que esixe ser escoitado e tratado con respecto no ámbito de negociación legalmente establecido, que se ten que convocar canto antes, a Mesa Tripartita da Concertada.

Á par da presentación do escrito, as seis OO.SS representativas do sector, fixeron tamén públicas novas mobilizacións máis contundentes, tal e como adiantaran xa o pasado 23 de abril noutro documento que lle foi remitido a Román Rodríguez, responsábel este do que a día de hoxe é a Consellaría de Educación: unha auténtica fábrica de conflitos, e para toda a comunidade educativa. Estas novas mobilizacións concrétanse cronoloxicamente nestas 3 accións:

- 28 Maio caravana coches ás 19.00h nas rúas de Vigo e A Coruña.

- 29 Xuño "Rodeo" en manifestación ao Edificio da Xunta de Galiza.

- 1° día lectivo curso 2026-2027 “FOLGA” na Concertada.

A CIG-ensino chama ás traballadoras e traballadores do ensino concertado a non permanecer impasíbeis ante esta situación de desprezo, a estar dispostos e dispostas a defender os seus dereitos ata que se produzan cambios efectivos e significativos, e non esmolas nin parches coma os que dá a Consellaría de Educación como e cando quere. Ademais estas mobilizacións deben apuntar e poñer en preaviso tamén ás patronais do sector, no que ten que ver coa negociación actual do VIII convenio da concertada en Madrid e que regula as verdadeiras condicións laborais e salariais do sector, polo que reclama, en definitiva, respecto e dignidade tanto á administración como ás patronais do sector. “Respecto para un colectivo profesional, docente e non docente, que sostén unha parte esencial do sistema educativo, e dignidade para desenvolver o seu traballo en condicións xustas e non a “low-cost”, como pretende este goberno do PP de Rueda, tanto neste sector coma noutros servizos públicos que tamén están nas rúas, como a educación infantil 0-3 anos, a atención á discapacidade, a protección de menores e reforma xuvenil, o ensino público, a sanidade e aadministración; e outros máis como SAF, centros de atención á dependencia, maiores...

Volver