A CIG-Ensino forza cunha amenaza de denuncia na Audiencia Nacional a negociación do XII convenio colectivo de educación infantil
Logo do escrito presentado á Comisión Paritaria do Convenio, denunciando tanto a pasividade e o incumprimento do convenio como da propia Lei que regula o Salario Mínimo Interprofesional, tiveron que convocar a negociación para adaptar as táboas salariais
O próximo venres 13 de novembro está convocada a mesa negociadora do XII convenio colectivo estatal de centros de asistencia e E.I. para a adaptación das táboas salariais ao Salario Mínimo Interprofesional 2020, logo de ser requirido por activa e pasiva en varias mesas negociadoras do sector (por outros temas levados polas patronais) obtendo como resposta a pasividade e inacción a estas demandas feitas pola CIG-Ensino.
Só acadamos o obxectivo da súa convocatoria urxente, logo do escrito presentado o 26 de outubro de 2020 pola CIG-Ensino á Comisión Paritaria do Convenio, previo a unha demanda na Audiencia Nacional, denunciando a pasividade e incumprimento normativo do convenio na súa Disposición Final cuarta, como da propia Lei que regula o SMI (salario mínimo interprofesional).
A nosa proposta para defender na mesa negociadora manterá a coherencia do defendido pola CIG-Ensino na negociación do XII convenio, que nos levou a non asinalo. Temos moi presente as condicións moi precarias, salarialmente falando, de todas as traballadoras e incluso discriminatorias para o colectivo de educadoras, que se asinaron e combatemos dende o 1º momento.
PROPOSTAS DA CIG-ENSINO:
Para o PAS solicitamos os 950€ do SMI.
Para as educadoras 1.000€ neste 2020. Para todas aquelas que se lle estean aplicando as táboas salariais de “segunda”, é dicir, as que están a cobrar por debaixo dos 950€ do SMI, neste momento.
Deste xeito respectaríase o diferencial existente entre as categorías e a suba a aplicar neste ano, recollida no propio convenio.