A CIG-Ensino fai un chamamento a familias, alumnado e profesorado a marchar xuntas pola defensa do ensino público este sábado 13 en Santiago
O sindicato habilita servizo de autobuses para participar na manifestación convocada para as 12 do mediodía con saída da Alameda compostelá
Estes primeiros días de curso a propaganda e a estratexia de parches da Consellaría está quedando ao descuberto. A día de hoxe hai 509 vacantes docentes sen cubrir, multiplicáronse as medias xornadas a respecto de cursos pasados o que permite dar un dato irreal de profesorado contratado, solicítanse prazas con dúas afíns para aforrar tres especialistas diferentes, néganse aos centros que o ano pasado contaron con MEGA ou Proa+ a continuidade no programa, múdanse prazas a tempo completo nun centro por compartidas entre varios...
Pola súa banda en Secundaria e Formación Profesional o curso arranca coa peor situación en décadas en canto a falta de medios para atención á diversidade, unha redución de cupos agudizada tras a pandemia e ratios desorbitadas de alumnado por docente no primeiro caso e unha reforma da FP que está sendo un caos nos centros. En concreto, nestas ensinanzas as clases comezan sen que o profesorado puidera elaborar o currículo dun módulo de nova implantación dado que a Consellaría non forneceu ningún modelo, con erros na aplicación Proens e cun panorama desolador por diante: programacións ficticias, formación na empresa irreal, moitísimas dúdidas sobre a dualización dos módulos de segundo sobre todo na oferta modular e un profesorado que xa non soporta máis a burocracia do sistema de calidade. Tal e como advertía a CIG-Ensino os 5 días da semana pasada foron totalmente insuficientes para que o curso comece con normalidade malia que as direccións adiantaran a planificación durante o verán.
Son moitos os motivos que nos unen ao colectivo docente do ensino non universitario de Galiza para saír este sábado ás rúas de Compostela nunha manifestación que a CIG-Ensino chama a que sexa o máis ampla posíbel. Estes días ANPAS e claustros de CEIPs están a concentrarse diante dos centros para reclamar os reforzos, desdobres e especialistas, sobre todo de atención á diversidade que precisan. Nos centros de Secundaria a redución dos cupos foi tan drástica nos últimos anos que hai docentes con preto de 200 estudantes e cunha situación de diversidade que desborda a profesorado, equipos directivos e departamentos de Orientación e o curso na FP, tal e como se prevía, será un desastre maiúsculo tras as decisións tomadas pola Xunta que van significar unha desconexión absoluta entre a normativa e a realidade e que suporán un empeoramento brutal da calidade destas ensinanzas após anos de prestixio social.
Por todo isto a CIG-Ensino chama ás familias, organizadas a través das ANPAs ou a título individual, ao estudantado ao que é preciso facer partícipe desta loita porque os avances que se consigan reverterán sobre todo nel e ao profesorado a facer fronte común contra a propaganda, os recortes e a censura e en defensa, máis ca nunca, do ensino público galego. Para iso pon a disposición de todas as persoas interesadas un servizo de autobuses coas seguintes rutas:
- A Coruña: diante da Seat (Avda Alfonso Molina s/n) ás 10:00 horas.
- Cee: diante de Facenda ás 10:00 horas.
- Ferrol: diante do local do sindicato (Avenida de Esteiro número 7) ás 9:30 horas, con parada ás 9:45 horas na gasolineira do Polígono de Vilar do Colo.
- Lugo: diante do local da CIG (ronda da Muralla 58) ás 10:00 horas
- A Mariña: ás 9:00 desde a estación de autobuses de Burela.
- Ourense: ás 10:00 da mañá do Parque de San Lázaro facendo unha parada sobre as 10:30 na rotonda de Cea.
- Pontevedra: diante do pavillón de deporte de Pontevedra ás 9:45h, e fará unha parada ás 10:05 horas na saída de Caldas para recoller á xente que veña do Salnés.
- Vigo: diante do local da CIG (Rúa Gregorio Espino 47) ás 10.15 horas.
- Morrazo: 9:45 (Bueu, parada en fronte do Gadis), 10:00 (Cangas, Estación de Autobuses), 10:15 (Moaña, parada en fronte da Praza do Concello), 10.30 (Domaio, aparcadoiro diasuasorio)
- A Guarda:
- A Guarda 9.15 h Parada autocares centro Cultural (detrás alameda).
- Rosal 9.25 h. Pias (antigo cine).
- Goián. 9.30 h Parada Bus.
- Tomiño. 9.40 h. Rúa Nova (ximnasio).
- 10 h. Rúa Ourense.
- Porriño. 10.20 h. Rotonda do Gadis.
O formulario para anotarse está dispoñíbel en: https://www.cig-ensino.gal/autobuses.html
Participa na marcha en defensa do ensino público galego!