A CIG-Ensino fai un chamamento a celebrar o Día de Rosalía

Seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura

Como cada ano, a CIG-Ensino fai un chamamento a conmemorar o Día de Rosalía, unha data de impresindíbel celebración, pois Rosalía de Castro é un dos meirandes símbolos da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa identidade.

Hai máis de cento cincuenta anos Rosalía deu un paso fundamental, rachou cos límites que naquela altura tiña o noso idioma. Foi así como se publicou o primeiro libro escrito integramente en galego. E fíxoo desde unha actitude plenamente consciente, comprometida coa dignificación da lingua do pobo, da súa lingua. A súa actitude decidida abriu un tempo novo na historia do noso país e mudou o rumbo do noso idioma, garantindo que chegase até nós.

Hoxe, o noso idioma volve ser limitado e impídese que procure un estatus de normalidade. Os límites de hoxe impóñense a golpe de decreto e de lei, prohibindo o uso do noso idioma no ensino das materias científicas, reducindo a súa presenza coa imposición da LOMCE, negando que o día da nosa escritora forme parte das celebracións do calendario escolar. Por que? Cal é o motivo para non facelo? A celebración do Día de Rosalía non é acaso unha ferramenta normalizadora perfectamente acaída?

Na CIG-Ensino pensamos que si, como pensamos que cómpre seguir rompendo os límites porque queremos unha lingua galega viva nas voces da rapazada, porque é o noso desexo que se as cifras do emprego da nosa lingua comecen mudar e ascender enviándonos unha mensaxe de que a lingua é cada día máis usada, que seguiremos sendo galegas e galegos.

Por todo isto propoñémosvos que celebredes o Día de Rosalía nos centros escolares. Ao mesmo tempo apoiamos a iniciativa da  Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega, AELG, que propón celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor, que envía propostas para pór en práctica co alumnado e que realiza lecturas públicas en diferentes vilas e cidades, propostas todas ás que vos convidamos a que vos sumedes.

Desde a CIG-Ensino seguiremos a demandar, durante a negociación do calendario escolar, a inclusión do Día de Rosalía na relación de datas a celebrar. Seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Os desprezos manifestos da Consellaría non nos farán calar e seguiremos a sinalar os seus prexuízos e o seu autoodio.

Finalmente, enviámosvos os parabéns a todo o profesorado que con tanto traballo, imaxinación e ánimo estades a celebrar xa esta data fulcral da nosa cultura.

Feliz día de Rosalía.

Volver