A CIG-Ensino facilita o avance da negociación do plan de igualdade coa intención de comezar canto antes a negociación de medidas

A pesar das eivas derivadas da falta dalgún dato relevante na diagnose, o sindicato urxe á administración educativa a avanzar nas conclusións para dar comezo canto antes ao deseño de medidas útiles para corrixir as desigualdades detectadas e a redacción do protocolo de acoso

Hoxe, 24 de outubro, tivo lugar a sétima reunión da comisión de negociación do plan de igualdade, primeira neste curso escolar. Nela a CIG-Ensino presentou alegacións ao VI borrador de diagnose que foi facilitado hai unha semana pola Consellería de Educación. Este borrador foi construíndose a partir dos datos que as organizacións sindicais foron requirindo á administración educativa e froito das alegacións e debate das reunións anteriores, onde moitas das aportacións da CIG-Ensino foron tidas en conta.

Mais hai un punto que para a CIG-Ensino supuxo un bloqueo na negociación desde o inicio, a ausencia de valores do salario realmente percibido polas persoas traballadoras no rexistro retributivo. Os datos que se nos aportan, cunha xustificación de tipo técnico, son unha conversión a valores anualizados, coma se todas as persoas docentes que estaban de alta na Consellería a 31 de decembro do 2024 (ano natural sobre o que se está a elaborar o plan) levaran traballando todo ese ano e a xornada completa. Esta información da que dispoñemos pon de manifesto, aínda así, fendas na percepción de certos complementos, como os asociados a cargos ou antigüidade, pero dificulta ter datos obxectivos para a análise da temporalidade e parcialidade.

A CIG-Ensino non ten a vontade de que esta resistencia a dar os datos por parte da administración supoña a imposibilidade de avanzar na negociación do plan de igualdade e na negociación de medidas, mais entende que como se reflicte noutros apartados do documento, debe de recoñecerse que a parcialidade afecta en maior medida ás mulleres, xa que son elas as que asumen un maior número de xornadas reducidas. Así como, coas evidencias que os datos aportan, nelas ten maior incidencia a temporalidade (menor antigüidade en xeral e maior presenza relativa de mulleres no colectivo de persoal substituto e interino) para que se poidan deseñar e levar a cabo accións que permitan, por unha parte, ter os datos reais en próximos rexistros e por outra, abordar a corrección destas desigualdades.

 

Sen novidades no protocolo de acoso

 

A CIG-Ensino manifestou reiteradamente a urxencia que para o persoal docente ten dispoñer dun protocolo que recolle todos os tipos de acoso que se poden sufrir nos centros de ensino (protocolo que si existe para o persoal non docente que está incluído no da Xunta)

No mes de xullo comezaramos este traballo a petición do sindicato e manifestamos a nosa sorpresa cando non se aportou documentación nova do protocolo para a reunión de hoxe, nin este tema formaba parte da orde do día.

A Consellería comprometeuse a avanzar nas conclusións da diagnose e enviar de cara a vindeira reunión un borrador de protocolo de acoso. Agardamos que incremente a velocidade da negociación e ter nas próximas semanas unha nova convocatoria, xa que hai que recordar que a parálise dos primeiros nove meses levou a ter xa superado en xullo o ano de negociación.

 

Volver