
A CIG-Ensino exíxelle ao Secretario Xeral de Política Lingüística respecto e consideración para os equipos de Normalización
A CIG-Ensino reclama do Secretario Xeral de Política Lingüística que teña un comportamento respectuoso cos Equipos de Normalización
Inaugura unha exposición de 20 anos de Equipos de Normalización Lingüística comezando por ocultar o nome que estes equipos tiveron durante 19 deses 20 anos: Equipos de Normalización, unha palabra que grazas ao actual Secretario Xeral, entre outros, foi desterrada do Decreto que regula o uso da lingua galega, se cadra coa intención de ocultar a situación real do noso idioma. O Secretario Xeral inviste o diñeiro do seu departamento nun acto propagandístico a maior gloria da súa propia persoa, dotándose dun altofalante desde o que di que “a celebración dos 20 anos dos equipos lle permite á secretaría xeral amosarlles o seu apoio aos equipos de toda Galicia, que constitúen unha rede dinamizadora que incide constante e eficazmente sobre un conxunto amplo de poboación e que realizan un traballo fundamental na educación da futura cidadanía galega.” Tarde piaches, Anxo Lorenzo, porque levas moito tempo demostrando xustamente o contrario, que os Equipos de Normalización non contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. E para demostración lembramos todos os incumprimentos dese departamento a día de hoxe:
- A piques de rematar o primeiro trimestre do curso 2011-2012, os equipos aínda non percibiron a totalidade dos ingresos que lles correspondían polas actividades realizadas no curso anterior, 2010-2011.
- Neste momento, tampouco se convocaron aínda as axudas para este curso, un atraso inxustificábel e que inviabiliza a realización de actividades de promoción da nosa lingua até moi avanzado o curso escolar.
Señor Secretario Xeral, se de verdade quere apoiar os equipos, comece por regularizar o pago das axudas e non deixe de saír publicamente na súa defensa cada vez que son atacados, algo que, sucedeu, infelizmente, co concurso do Valedor do Pobo e o propio Conselleiro de Educación.
Para finalizar, a CIG-Ensino manifesta a súa desconformidade coa imaxe que pretende difundir e potenciar dos Equipos de Normalización, unha imaxe que pretende reducilos a departamentos de actividades culturais en galego, o que, se ben forma parte da súa actividade, non é a súa única función.