A CIG-Ensino exíxelle ao conselleiro o cese da utilización das bases de datos do profesorado para uso e beneficio dun sindicato
A CIG-Ensino exixe unha investigación e informará á Axencia Española de Protección de Datos e á Delegación Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, reservándose as accións legais que en dereito procedan
Descoñecemos a forma concreta en que se produciu esta colaboración entre a Administración e ese sindicato, que puido consistir nunha cesión dos enderezos de correo electrónico de todo o persoal da Consellaría ou ben realizarse a través dunha lista de distribución. En todo caso, a decisión de permitirlle este envío de correos en masa a todo o profesorado non se acordou nin negociou en ningún órgano de negociación ou de representación do profesorado galego (xuntas de persoal ou mesa sectorial).
Este proceder é aínda máis grave se temos en conta que se lle facilitaron os correos, exclusivamente, a unha organización sindical, por certo afín á ideoloxía do PP, que carece de representación na Mesa Sectorial Docente non Universitaria de Galiza e que só conta con 3 representantes dun total de 29 na Xunta de Persoal da provincia de Lugo. A pesar desta exigua implantación no ámbito do ensino público non universitario ( 3 delegados/as dun total de 146) obtivo da Administración este trato de favor, coa pretensión de potenciar, unha vez que están próximas as eleccións sindicais, unha organización sindical sumamente cómoda para o PP.
A gravidade destes feitos levou a que a CIG-Ensino veña de exixirlle ao conselleiro o cese, de forma inmediata, da utilización das bases de datos da Consellaría para uso e beneficio desa organización sindical e que se abra unha investigación interna para determinar as circunstancias que lle permitiron usar as bases de datos da Consellaría, así como as responsabilidades correspondentes derivadas desta actuación. Así mesmo, a CIG-Ensino enviará copia do escrito remitido ao conselleiro á Axencia Española de Protección de Datos e á Delegación Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, reservándose as accións legais que en dereito procedan.
CIG INFORMA Ligazón