A CIG-ENSINO EXÍXELLE Á CONSELLARÍA QUE NON ALIMENTE GRUPOS INQUISIDORES CONTRA O GALEGO E O LABOR DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os Equipos de Normalización están a desenvolver o seu traballo con absoluta responsabilidade

A CIG-Ensino declara que os Equipos de Normalización están a desenvolver o seu traballo con absoluta responsabilidade, na procura do obxectivo que lles corresponde: a difusión e promoción da nosa lingua. A CIG rexeita, por tanto, as difamacións vertidas por un grupo de persoas que non representa a ninguén, que agora pretenden actuar como a Inquisición perseguindo as opinións e as actuacións dos coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización e mesmo do alumnado de diferentes centros e de toda persoa ou organización comprometida coa normalización lingüística.

A CIG-ENSINO EXÍXELLE Á CONSELLARÍA QUE NON ALIMENTE GRUPOS INQUISIDORES CONTRA O GALEGO E O LABOR DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A CIG-Ensino declara que os Equipos de Normalización están a desenvolver o seu traballo con absoluta responsabilidade, na procura do obxectivo que lles corresponde: a difusión e promoción da nosa lingua. A CIG rexeita, por tanto, as difamacións vertidas por un grupo de persoas que non representa a ninguén, que agora pretenden actuar como a Inquisición perseguindo as opinións e as actuacións dos coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización e mesmo do alumnado de diferentes centros e de toda persoa ou organización comprometida coa normalización lingüística.

A CIG-Ensino reclámalle a Educación que tome nota de a quen lle está a dar interlocución nun tema de tanta importancia como o idioma, pois este grupo abunda nestas actitudes persecutorias xa que carece de argumentos e de apoios.

Galicia Bilingüe mantén na súa web un informe difamatorio elaborado para atentar contra os Equipos de Normalización e os seus coordinadores e coordinadoras. Nese informe publican datos persoais dalgúns coordinadores coa intención de pór en cuestión o labor por eles desenvolvido. Deste xeito tentan atacar a un conxunto de profesores e profesoras que coa súa entrega e esforzo realizan un traballo encomiábel na defensa do noso idioma. Mais, ademais, chegan reproducir comentarios realizados polo alumnado nestes blogs escolares, nunha clara persecución ideolóxica contra a liberdade de expresión, pois cuestionan que este alumnado participase na mobilización do 21 de xaneiro, promovida pola Plataforma Queremos Galego, e que ademais o diga e expliquen por que.

Para esta difamación Galicia Bilingüe atrévese a publicar imaxes dos blogs dos Equipos de Normalización e por tanto do alumnado dos centros (por certo sen contar con autorización para facelo, xa que por moito que aparezan pixelados os ollos dos menores son perfectamente recoñecíbeis). Un exemplo claro da tendenciosidade deste informe compróbase na información que recolle sobre o Correlingua., no cal participan máis de 40.000 escolares.  Neste caso citan soamente A CIG-Ensino e A MESA como  organizadores desta actividade, ocultando que da súa organización tamén forma parte a AS-PG, o concello de Vigo, Pontevedra, Compostela e Lugo e que conta coa colaboración dun elevado número de entidades, entre elas as Deputacións de Ourense, A Coruña e Lugo. No seu informe pon en negriña que o alumnado participa desta actividade en horas de clase, dando a entender que é dirixido polo coordinador do Equipo, sen que ninguén máis saiba do tema, ocultando que a participación do alumnado dun centro educativo en calquera actividade, nomeadamente cando se sae do centro, está debidamente autorizada polos pais e nais de todos e cada un dos alumnos e que é aprobada polo Consello Escolar e recollida no Proxecto do centro. É unha ocultación intencionada, pois Gloria Lago, presidenta deste colectivo, sabe que ese é o procedemento, pois o centro en que ela traballa participa nesta actividade.

A CIG-Ensino reclámalle a Educación que tome nota e que non continúe cunha actitude que alimenta e permite esta persecución ideolóxica contra o profesorado e o alumnado dun grupo de persoas que non representan a ninguén e que, eles si, actúan ao servizo dunha ideoloxía concreta: a persecución contra o noso idioma. A CIG-Ensino aproveita para enviarlles a todos os Equipos de Normalización dos centros o seu apoio incondicional, o seu recoñecemento e a mensaxe de que a CIG- Ensino vai apoialos no desenvolvemento do seu labor e non permitirá ningún tipo de persecución. 

Volver