
A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que de inmediato prohiba o cobro polo uso de recursos audiovisuais
A CIG-Ensino exixe que garanta a total gratuidade da súa utilización nos centros de ensino
A Consellaría non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano. Así se recolle nunha carta remitida onte, 24 de marzo, aos centros educativos polo director xeral de Motion Picture Licensing Company (MPLC) que pon á súa disposición “unha licenza anual para poder utilizar os contidos audiovisuais polo prezo acordado coa Xunta de Galiza de 1.25€ ao ano por alumno/a, IVE incluído” (Achegamos circular)
Ante este novo atropelo, a CIG-Ensino quere denunciar o seguinte:
É totalmente inaceptábel e inxustificábel que a Consellaría en lugar de facilitar o uso gratuíto e total dos recursos audiovisuais mercantilice e facilite un negocio a conta dos centros educativos, malia que ano tras ano teñen recortados os orzamentos para o seu funcionamento.
A utilización, reprodución e exhibición de material de carácter audiovisual, fotográfico ou plástico é algo inherente á práctica docente. O seu uso é imprescindíbel na maioría das materias, xa que facilita, acompaña e ilustra a aprendizaxe, a comprensión, a reflexión e a visión crítica.
A renovación e a innovación pedagóxica non pode entenderse sen o uso de todo tipo material, recursos e soportes nos que se manifesta a cultura, as artes plásticas, audiovisuais e artísticas e que deben estar á disposición dos centros. Os propios currículos escolares recollen como estándares de aprendizaxe o uso de producións audiovisuais, audicións musicais, visualización de obras, etc.
É incomprensíbel intentar limitar a tarefa docente exclusivamente ao uso do libro de texto e desbotar o uso dos recursos cinematográficos, musicais, documentais nas aulas de historia, literatura, ciencias, filosofía, música arte, etc.
É impropio dunha administración educativa que propicie e alimente un negocio privado a conta dun servizo que a administración educativa está obrigada a facilitar. Un feito máis que evidencia o desinterese pola calidade de ensino e a desconsideración do traballo do profesorado.
Por todo o anterior, a CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que de inmediato prohiba o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos e que garanta a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico tal e como se viña facendo até o de agora. Facemos un chamamento ás direccións dos centros e ao profesorado para que non paguen ningún “imposto” por realizar o seu traballo e que continúen usando todo tipo de ferramentas que son necesarias para realizar o seu traballo coa maior eficacia posíbel.