A CIG-Ensino exixe unha solución inmediata para o horario do CPI dos Dices Rois

A CIG-Ensino considera inadmisíbel que a Consellaría de Educación manteña un horario ilegal para aforrar no servizo de transporte escolar

A CIG-Ensino levou este mércores, 15 de abril, á Xunta de Persoal da Coruña a situación do CPI dos Dices, Rois, e reclamou da Consellaría unha solución á problemática do centro que funciona cun horario ilegal para adaptalo ás rutas de transporte escolar, sen ter en conta que o alumnado está escolarizado menos tempo do que marca a norma.

Diante da negativa da Consellaría de Educación a dar unha solución a este agravio, as familias xa levan unha semana de encerro no salón de plenos do Concello de Rois para exixir un horario escolar legal. O Claustro de Profesores e o Consello Escolar dos Dices  xa amosaron o seu apoio ás familias, sumándose ás súa demandas e denunciando o agravio comparativo que sofre este alumnado en relación ao dos outros centros.

Para  CIG-Ensino, é inadmisíbel que  a Consellaría manteña esta situación ilegal que ten a súa orixe única e exclusivamente en razóns de aforro económico e que recorte a xornada lectiva do alumnado  para cadrar as rutas de transporte de diferentes concellos. Por esta razón, esixe unha solución urxente que evite a continuación desta situación discriminatoria.

Volver