A CIG-Ensino exixe que non se lle outorgue o título de “Vigués distinguido” a centros que segregan alumnado por razón de xénero

Son centros concertados, pagados totalmente con diñeiro público, cuxos concertos foron obxecto de recurso pola CIG-Ensino e declarados ilegais polo Tribunal Supremo

A CIG-Ensino, ante a decisión do Concello de Vigo de outorgarlle o título de “Vigués distinguido” aos centros de ensino privados concertados Montecastelo e As Acacias, que segregan alumnado por razón de xénero, quere manifestar o máis rotundo rexeitamento ao outorgamento deste premio.

As razóns do máis rotundo rexeitamento son:

Tratarse de centros que, con diñeiro público, segregan o alumnado por razón de xénero, impiden a convivencia, a escolarización de persoas de distinto sexo, do alumnado LGTBI e desterran a coeducación.

Son centros elitistas que seleccionan as familias por ideoloxía e patrimonio, desbotando o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. 

Son centros concertados, pagados totalmente con diñeiro público, cuxos concertos foron obxecto de recurso pola CIG-Ensino e declarados ilegais polo Tribunal Supremo por segregar o alumnado por razón de xénero, o que non foi impedimento para que o PP os legalizase mediante a LOMCE.

Con este recoñecemento, o Concello de Vigo non só reforza un modelo educativo confesional e reaccionario que contribúe á desigualdade e a perpetuar a sociedade patriarcal, senón que tamén está avalando a LOMCE, lei que está sendo combatida en Vigo e en toda Galiza con folgas e manifestacións secundadas maioritariamente pola comunidade escolar.

Con esta distinción estanse afianzando modelos educativos relixiosos e excluíntes que desprezan a diversidade e impiden un ensino laico, coeducativo, científico e inclusivo. Unha institución pública como é o Concello de Vigo está favorecendo prácticas educativas e sociais desprezábeis e optando por apoiar centros ultracatólicos e de extrema dereita, pertencentes ao Opus Dei, tal como constatan as súas páxinas web.

É totalmente inaceptábel que, mentres se distingue este tipo de centros que non representan a maioría social da poboación viguesa, non se distinga o labor de ningún centro público da cidade.

Por todo o exposto, a CI-Ensino  exíxelle á corporación viguesa, con maioría absoluta do PSOE, que non se lle outorgue o título de “Vigués distinguido” aos devanditos centros Montecastelo e As Acacias pertencentes ao Opus Dei e que segregan o alumnado por razón de xénero..

Volver