A CIG-Ensino exixe que a Consellaría paralice o modelo de programacións imposto pola LOMCE

A CIG-Ensino denuncia por inoperante e inaplicable o modelo de programacións previsto na LOMCE

A CIG-Ensino está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas entre o profesorado para exixir que a Consellaría de Educación paralice o modelo de programacións imposto pola aplicación da LOMCE ou cando menos amplíe, polo tempo necesario e suficiente, o prazo de entrega das mesmas.

A CIG-Ensino reclamou desde o inicio deste ano o adiamento e mesmo a paralización da LOMCE, pois a experiencia do acontecido o pasado ano en primaria auguraba que este curso se repetiría a situación de caos provocada pola súa imposición en secundaria. E, efectivamente, isto é o que se está a producir, repercutindo moi negativamente no profesorado e no alumnado, vítimas inmediatas da teimosía e improvisación do goberno da Xunta. Durante o mes de setembro, o profesorado galego tivo que realizar un traballo ímprobo que, aínda por riba, ten pouco resultado práctico. A isto aínda hai que lle sumar a diferenza de criterios que están aplicar os inspectores, que afectan mesmo ás datas de entrega das programacións.


A CIG-Ensino tamén esixe que se facilite o traballo do profesorado.  Inspección educativa ten que facilitar de xeito coordinado instrucións claras, axeitadas e uniformes para a elaboración das programacións didácticas e velar porque os centros conten co tempo necesario para poder realizar o traballo nas condicións debidas e co obxectivo de que produza o máximo rendemento.  Ademais a Consellaría ten que ofertar formación en horario lectivo para todo o relacionado coa súa elaboración.


Como se pode pretender que se recollan nunha programación, que debería estar finalizada antes de iniciarse o curso, 15 de setembro,  aspectos que deberían requirir unha formación que os e as docentes no recibiron e unha coordinación, por exemplo, entre o profesorado das materias lingüísticas? Como se pode elaborar adecuadamente unha programación didáctica con aspectos novidosos e sen ter o tempo necesario para facelo? 


Para a CIG-Ensino trátase dun traballo burocratizado de dubidosa eficacia avaliadora e utilidade na aula.  Ademais a súa aplicación práctica limita e constrinxe de maneira absurda o labor do profesorado na aula, sobrecarga de maneira exaxerada o traballo docente, fai imposíbel a súa aplicación nas actuais aulas masificadas e en nada contribúe á mellora do proceso ensino-aprendizaxe. Non se tivo en conta a opinión do profesorado e, no entanto, obrígaselle a cumprir uns prazos imposíbeis, sen o máis mínimo asesoramento. Descoñecemos como se debe concretar cada “estándar de aprendizaxe avaliábel” día a día, tarefa a tarefa, mínimo a mínimo; canto tempo levará a elaboración de tal programación e as páxinas que ocuparía e quen se ocupará de ler todas e cada unhas das programacións didácticas resultantes de tan inxente labor. De que servirá unha programación didáctica se ninguén a vai ler e sobre todo se ninguén a vai poder levar a práctica realmente? Obviamente máis burocratización e traballo innecesario.

Isto levou a que algunhas inspeccións flexibilizasen esa data e outras non. Deste xeito, constátase unha vez máis o desprezo da Consellaría cara ao profesorado, ao non asumir a súa responsabilidade e obrigas, que non son outras que formar, orientar  e informar o profesorado sobre os criterios e formulación das novas programacións. A CIG-Ensino considera que a Consellaría debe facilitar o traballo do profesorado, coidando de que os centros conten co tempo necesario para poder realizar o traballo nas condicións debidas e co obxectivo de que sexan útiles para o traballo na aula.

Campaña de recollida de sinaturas en contra das programacións LOMCE

Volver