A CIG-Ensino exixe elevar o control na protección de datos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Ducias de centros educativos recibiron nestes últimos días información confidencial do alumnado con NEAE con dereito a unha bolsa do Ministerio

Un mínimo de dous correos electrónicos enviados desde a Dirección Territorial da Coruña a máis dun cento de centros educativos contiña, na súa documentación adxunta, unha relación completa de alumnado con discapacidade con dereito a unha bolsa financiada polo Ministerio de Educación.

Esta información foi proporcionada ao sindicato por profesorado de diversos centros que amosaban a súa preocupación pola falta de protección en datos persoais tan sensíbeis.

Nestes momentos non se ten constancia de se o alcance é maior ao que tivo acceso o sindicato.

Na información hai datos do alumnado que recibe esas axudas, con independencia do centro no que está escolarizado.

En concreto, a documentación adxunta era a seguinte:

  • Un PDF onde figuran os seguintes datos: DI completos do alumnado solicitante e dos seus proxenitores/titores/as legais; nome e apelidos de solicitantes, curso e número de expediente.
  • Un Excel con esta información: ademais da anterior, curso, centro, correo electrónico e teléfono de solicitantes; se é familia numerosa ou non; intervalo do grao de discapacidade recoñecida; se está en acollida ou non; autorización do centro para cobrar a bolsa ou non; data de solicitude; intervalo de ingresos familiares. Ademais hai un apartado de observacións no que figuran datos concretos de cada caso: asistencia a terapias; proxenitores separados ou non; diagnóstico…

A CIG-Ensino considera de extrema gravidade que non exista un control que impida o acceso a información sensíbel á que ninguén alleo ao centro educativo onde está escolarizada unha alumna ou alumno debe poder acceder cando se produce o que a todas luces parece froito dun erro humano.

As axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo proveñen dunha convocatoria ministerial nas que os centros educativos, paraalén de elaborar un informe do departamento de Orientación, recollen toda a documentación e dan traslado dela á Dirección Territorial correspondente. Polo tanto, a información do resultado das axudas non é algo que nin sequera teñan que coñecer os centros, xa que forma parte dun trámite administrativo no que as destinatarias finais das axudas son as familias sen que os centros volvan interferir no procedemento.

CIG
O sindicato demanda, por tanto, que se articule un procedemento da xestión dos datos deste alumnado que evite que este descontrol se poida volver a producir. É intolerable que desde unha dirección territorial se cometan estes erros tan graves en canto á protección de datos do alumnado máis vulnerable cando é a propia consellería a que presiona aos centros educativos para que se extremen as precaucións na confidencialidade dos mesmos.

Volver