
A CIG-Ensino exixe a revogación da orde do CXT e a convocatoria urxente dun novo concurso de traslados.
Unha vez coñecidas as sentenzas do TSXG e desaparecido o argumento que empregou a Consellaría para non convocar concurso autonómico.
A CIG-Ensino incide no seu escrito na situación creada logo das tres sentenzas ditadas polo TSXG, polas que se confirmou o baremo do CXT convocado en outubro de 2013, revogando tres sentenzas previas dun xulgado compostelán. Lembremos que foi a espera da resolución dos recursos de apelación contra esas sentenzas o único motivo aducido pola Consellaría para impedir o concurso a prazas vacantes en Galiza.
Así, na Orde do 5 de novembro de 2014, pola cal se convoca concurso de traslados de ámbito estatal, dise que «en relación con esta orde pronunciáronse tres sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela que anulan parcialmente o baremo de méritos. Estas sentenzas non son firmes ao estar presentados recursos de apelación contra elas», indicando que «coa finalidade de garantir a execución da sentenza que se pronuncie no recurso de apelación, calquera que sexa o sentido desta, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non convoca concurso de traslados no ámbito autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia".
A CIG-Ensino, xa con carácter previo á convocatoria, na reunión da Mesa Sectorial Docente non Universitaria do 29 de outubro de 2014, manifestara o seu desacordo coa decisión da Consellaría de non convocar concurso de traslados no ámbito galego. Desde a CIG-Ensino defendemos naquela altura que debía prevalecer o dereito do profesorado a concursar a todas as vacantes existentes.
En todo caso, a resolución dos recursos contencioso-administrativos mediante sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza implica a desaparición sobrevida da única razón esgrimida pola Administración para non convocar concurso en 2014, que era precisamente a pendencia das apelacións hoxe resoltas. Polo tanto, co fin de evitar novos prexuízos ao funcionariado e corrixir o errático proceder da Administración en todo este proceso, imponse a revogación urxente, total ou parcial, da Orde do 5 de novembro de 2014 e a convocatoria de concurso de traslados de ámbito galego, posibilitando deste xeito a mobilidade de todo o persoal docente.