A CIG-Ensino exixe a dotación dun bedel a tempo total no CPI Camiño de Santiago do Pino
Empraza e exixe á Consellaría que obrigue ao Concello a substituír a praza con xornada completa
Por se isto fose pouco, o venres, 19 de setembro, o concello comunicoulle ao centro que a praza tería que ser cuberta a media xornada (4 horas) no canto de xornada completa como é necesario e viña funcionando até agora.
O horario lectivo do centro abrangue desde as 8.30 até as 14.30 horas todos os días, ampliándose até as 17.30 horas os martes. Ademais o alumnado fai uso do comedor escolar todos os días ás 14.30 horas e asiste a actividades extraescolares que se realizan no centro. Malia este amplo horario, o número de alumnado escolarizado e a impartición de aulas de educación infantil, primaria e ESO, o concello ten a ousadía de querer aforrar medio salario, aínda que sexa a custo de cubrir deficitariamente o servizos e de pretender que o profesorado atenda e realice funcións e cometidos que non lle corresponden.
A CIG-Ensino entende que o concello debería cubrir a vacante provisionalmente con persoal interino mentres non se puidese facer mediante concurso-oposición. No entanto, optou por externalizar o servizo, alegando que a actual lei de orzamentos do Estado lle impedía convocar a praza. O concello sabe que é falso e mente cando afirma que a razón de que a praza sexa a tempo parcial é porque a lexislación non lle permite nomear unha persoa a tempo total. Unha vez que optou por que sexa unha empresa privada a que preste este servizo non hai nada que impida que sexa a xornada completa.
En todo caso, non deixa de ser extravagante o enfrontamento producido entre o Concello do Pino e a Consellaría e o rexeitamento demagóxico do concello á taxa de reposición de efectivos na administración, estabelecida na Lei de orzamentos do Estado. Tres administracións gobernadas polo PP que se culpabilizan mutuamente pero que non son capaces de cubrir unha vacante.
A CIG-Ensino empraza e exixe á Consellaría de Educación, responsábel do funcionamento do sistema educativo, que obrigue ao Concello a substituír a praza de bedel con xornada completa.