A CIG-Ensino exixe á Consellaría que poña a disposición do profesorado o seu gabinete xurídico para casos de difamación do seu persoal como coas contas “curis”
Ante o incremento de casos trasladados recentemente ao sindicato e á opinión pública, ten que ser a propia Xunta a que actúe cos seus medios ante instancias policiais e xudiciais e aprobar canto antes o Protocolo fronte ao acoso laboral
No que vai de curso foi moito o profesorado a título particular e os centros a nivel xeral que se dirixiron á CIG-Ensino para solicitar asesoramento sobre que facer ante condutas que podían ser constitutivas dun delito por atentar contra a súa honorabilidade e/ou imaxe. Particularmente o fenómeno das contas “curis” estase convertendo nun problema que levou a moitos equipos directivos a lembrarlle a alumnado e familias que este tipo de prácticas poden implicar sancións ou incluso responsabilidades penais, polo que o sindicato pide que sexa a administración a que presente directamente denuncia ante as instancias policiais e xudiciais pertinentes para solicitar o seu peche.
A administración educativa leva meses anunciando a creación dunha oficina de apoio e protección ao profesorado e agora anuncia a modificación do Decreto e da Lei de convivencia na Lei de acompañamento de orzamentos para 2027 pero a realidade é que o colectivo docente galego segue sen contar co Protocolo fronte ao acoso no ámbito laboral polo que non ten un procedemento que seguir cando se atopa con casos de violencia, agresións ou acoso nos que non sabe como actuar. Este curso, o fenómeno das contas “curis” está sendo un auténtico problema para algúns centros e profesorado e equipos directivos vense totalmente desamparados porque teñen que actuar sen ter o respaldo xurídico e administrativo que precisan por parte da Consellaría. Así, son múltiples as consultas sobre se se presenta denuncia ante a Garda Civil a nivel particular ou a nivel de centro, se se pode pedir o peche destas contas sen coñecer quen está detrás da súa creación, que responsabilidades terían as persoas autoras dos vídeos e da súa difusión... Os centros están a optar pola pedagoxía e a advertencia de que estas condutas poden ser constitutivas de delitos como o ciberacoso a través de mensaxes por Abalar ou por outras canles dirixidas ás familias e ao alumnado e por manter reunións coas persoas supostamente implicadas, mais a xuízo do sindicato a solución a esta problemática non pode deixarse en mans de equipos directivos e profesorado.Ademais, esta problemática está afectando tamén ao alumnado, que tamén é vítima destas condutas, e á imaxe dos centros educativos públicos contra os que se verten acusacións moi graves aproveitando o anonimato. É por isto que o sindicato esixe que a Consellaría poña a disposición destes últimos a súa asesoría xurídica e se implique directamente denunciando estas contas e pedindo o seu peche que nalgúns casos están a causar moito dano tanto ao profesorado como aos propios centros educativos,“algo que a administración debería cortar de inmediato”. Ademais, non parece coherente que non se persiga que se empregue o nome dos centros educativos en contas que non son oficiais nas redes sociais mentres a administración non permite a utilización das contas oficiais para a difusión de comunicacións que non sexan estritamente académicas.

