A CIG-Ensino espera un cambio radical en Política Social coa remuda á fronte da Consellaría
CIG, CUT e SNEP veñen de rexistrar unha solicitude de entrevista coa nova responsábel deste departamento, Ángeles Vázquez, para acadar un compromiso de mellora dos servizos sociais en Galiza con partidas concretas nos vindeiros Orzamentos da Xunta
Os sectores de educación infantil 0-3, menores, discapacidade, dependencia, residencias e SAF manteñen, de momento, a manifestación convocada para o vindeiro 14 de novembro en Compostela en demanda dun sistema público galego de atención ás persoas. Haberá servizo de autobuses desde A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
A CIG-Ensino fai un balance moi negativo da etapa na que Fabiola García liderou a Consellaría de Política Social na Xunta, marcada sobre todo polo desleixo durante a pandemia e, xa nos últimos anos, pola conflitividade nos servizos que dependen directamente deste departamento. En concreto, levan sucedéndose folgas e protestas nas escolas infantís 0-3, nos centros de protección a menores e reforma xuvenís, nas residencias de maiores, nos centros de día e de noite, nas vivendas tuteladas e nos fogares residenciais, nos centros de atención á diversidade, nos servizos de axuda no fogar, nas equipas de valoración da discapacidade e dependencia, na atención temperá á discapacidade, nas equipas de protección da infancia… En opinión das distintas federacións da CIG e dos sindicatos CUT e SNEP que representan estes sectores, “a herdanza que deixa Fabiola García é nefasta, con máis indefensión e falta de recoñecemento ao persoal traballador, nun contexto no que faltan medios, protección e respostas efectivas para garantir a seguridade de quen atende a persoas en situacións de especial vulnerabilidade. Ademais atopámonos ante un persoal técnico desbordado, unha carga de traballo incompatíbel cunha atención individualizada e de calidade, unhas ratios esaxeradas e inasumíbeis, un sistema de protección ao bordo do colapso e incapaz de dar resposta adecuada ás necesidades existentes e cada vez máis dependente das prazas concertadas con entidades do terceiro sector. Con respecto ás condicións laborais destacan as xornadas abusivas, a falta de medidas de conciliación e unhas táboas salariais que non dan para afrontar a enorme carestía de vida, dado que a maioría do persoal destes sectores está no SMI ou mesmo por debaixo. En resumo, máis desprofesionalización e menos especialización, debilitando os equipos, comprometendo a calidade da atención e avanzando na privatización do sistema de protección ás persoas en situación de vulnerabilidade, abrindo cada vez máis espazo á xestión externa en detrimento do reforzo dos servizos públicos”
Pero para os tres sindicatos que lideraron as protestas nos últimos meses contra as políticas da Xunta en materia de servizos sociais, hai algo que define aínda mellor os anos de xestión de Fabiola García como conselleira: o desprezo polo persoal traballador. Así, “ás carencias materiais, á sobrecarga de traballo e ao deterioro dos servizos públicos sumouse a falta de vontade política para escoitar e negociar con quen coñece de primeira man os problemas. Centos de demandas, conflitos e dificultades quedaron sen resposta. As canles de negociación permaneceron pechadas mentres o persoal seguía facendo fronte, día tras día, a unha situación cada vez máis difícil sen que a conselleira se dignase nin unha soa vez a recibir ás organizacións que o representan, mentres si se reunía con patronais e todos os días protagonizaba fotos propagandísticas con algunha entidade destes sectores. Esta situación de desprezo levou a que desde os tres sindicatos se pedira reiteradamente a súa dimisión”.
Agora ábrese unha nova etapa que, para a CIG, CUT e SNEP non se soluciona só co cambio de cara na Consellaría. “Os problemas seguen aí, o persoal segue soportando as súas consecuencias e as persoas usuarias seguen precisando respostas urxentes, polo que vimos de rexistrar unha petición de reunión urxente á nova conselleira, Ángeles Vázquez, á que lle desexamos acerto no desempeño das súas novas responsabilidades e, sobre todo, a vontade política que faltou até agora. Agardamos que veña cun talante diferente, con disposición real ao diálogo e coa vontade de construír, xunto coa representación social, solucións que permitan recuperar e reforzar uns servizos públicos de calidade. E iso só se demostra se se produce esa interlocución de forma inmediata e se materializan compromisos efectivos nos Orzamentos da Xunta para 2027”, indican. Neste sentido, as tres organizacións manteñen a convocatoria dunha manifestación nacional polas rúas de Compostela, desde a Alameda até a Praza das Praterías para o sábado, 14 de novembro, para a que está previsto que haxa servizo de autobuses desde as outras seis cidades galegas. “Nos vindeiros días volveremos remitir a petición de apertura das mesas de negociación nos seis sectores, con implicación da administración a través do Consello Galego de Relacións Laborais. Pero se non se produce ningún movemento até entón -avisan- haberá unha resposta contundente de novo nas rúas con esta primeira acción á que lle sucederán outras. Confiamos en non ter que manter nin aumentar a conflitividade social porque ningunha das partes así o quere, e que nesta nova etapa se aposte polo diálogo e por unha verdadeira negociación”, conclúen.

ANÓTATE NO BUS CHAMANDO AO TEU LOCAL SINDICAL DE REFERENCIA E COMPARTE ESTA INFORMACIÓN ENTRE AS COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS DO TEU CENTRO DE TRABALLO!

