A CIG-Ensino reclámalle á Xunta no acto de inauguración do curso escolar recuperar xa os horarios recortados e reducir ratios e burocracia

Concentrouse esta mañá fronte ao CEIP Camiño Inglés de Oroso ao que acudiron Rueda e Rodríguez acompañando a raíña Letizia e a ministra Alegría para amosarlle a fartura do profesorado galego por ser o último en recuperar os dereitos recortados no estado

O sindicato maioritario no ensino público galego insta a Román Rodríguez a abrir xa as negociacións este mes para recuperar o horario de 18 horas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e 21 en infantil, primaria e educación especial, eliminados por Feijóo e Rajoy e para reducir as ratios como xa fixeron todas as CCAA.

Esta mañá un grupo de delegados e delegadas da CIG-Ensino concentrarónse diante do colexio de Oroso (A Coruña) escollido este ano para inaugurar o curso escolar nun acto no que estiveron presentes a raíña Letizia de Borbón, a ministra de Educación Pilar Alegría, o presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez, entre outras autoridades. Precisamente estes dous últimos foron obxecto de interpelación directa polos representantes sindicais para que non adíen “nin un minuto máis o inicio das negociacións para recuperar os dereitos que nos foron roubados e que Galiza segue ser a única comunidade do Estado que aínda non recuperarou”. En concreto, o seu secretario nacional, Suso Bermello, apelou ás últimas declaracións do conselleiro nas que pide “tranquilidade e sosego” para iniciar un diálogo coa representación do profesorado. “Está claro que o conselleiro pensa en clave puramente electoral cando fai estas declaracións porque a ninguén se lle escapa que o vindeiro ano hai eleccións en Galiza pero a cuestión que debera avergoñalo a el e a todo o goberno galego é ser o que máis despreza o seu persoal docente en todo o Estado”, indicou Bermello en declaracións a algún dos medios de comunicacións presentes no acto.

Neste sentido, a CIG-Ensino insta a que se abran estas negociacións xa este mes de setembro “ou se tomarán todas as medidas de mobilización posíbeis, incluída a folga, para a que se buscará a maior unidade sindical e o apoio de familias e alumnado co fin de  presionar á Xunta para recuperar nin máis nin menos que o que tiñamos en 2010: o mellor horario lectivo de todo o Estado, é dicir, 18 horas en secundaria e 21 en primaria, así como atender dúas das principais demandas de toda a comunidade educativa: reducción de ratios nas aulas para unha atención máis personalizada ao alumnado e das tarefas burocráticas que abafan o persoal docente e que lle detraen tempo para preparar as clases, innovar pedagoxicamente e atender a cada vez maior diversidade que existe nas aulas”.

“O conselleiro mente cando fala de que Galiza ten as mellores ratios do Estado”, insistiu Bermello. “Sabe ben o profesorado dos centros educativas das vilas e grandes cidades que hai aulas masificadas, con ratios de máis de 200 alumnos e alumnas por docente, e con 25 estudantes por aula en infantil e primaria, 30 en secundaria e 35 en Bacharelato sen contar quen repite curso, e que é preciso autorizar máis desdobres, como se facía antes dos recortes do goberno do PP. Manipular as cifras facendo media das ratios dos centros do rural é mentir e desprezar unha realidade que coñece ben o profesorado e as familias que non van agardar un minuto máis para recibir o ensino de calidade que o alumnado merece”, sentenciou.

CIG Informa análise e concentración polo inicio de curso

Documento


Volver