A CIG-Ensino esíxelle ao Ministerio unha regulación básica que garanta a redución real de ratios e o retorno aos horarios lectivos previos aos recortes

O Ministerio de Educación trouxo á Mesa Docente estatal unha nova versión do texto que empeora ao respecto do negociado no grupo de traballo da Mesa

O anteproxecto de Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia segue o seus trámites e despois de pasar pola Conferencia Sectorial, na que están representadas todas as CC.AA., o texto chegou formalmente á Mesa Docente estatal logo de sufrir algúns cambios ao respecto do documento negociado no Grupo de Traballo dependente da propia Mesa e do Consello Escolar do Estado, foros nos que a CIG-Ensino presentou toda unha batería de propostas encamiñadas a mellorar a proposta ministerial. Ao contrario, o texto presentado introduce dúas novidades totalmente negativas que centraron as críticas que o sindicato formulou na reunión da Mesa. 

Non se garanten as propostas de mellora na atención á diversidade

Tal e como aconteceu coa LOMLOE, na que tamén salientaban unha serie de artigos referentes á atención á diversidade que ficaron en nada, as boas intencións non son garantía de que se vaian cumprir senón se estabelecen criterios e obrigas de cumprimento. 

A atención ao alumando con NEE queda supedita aos cartos (e por tanto, á vontade política) no texto que se nos presentou, xa que se incide en que a dotación de recursos humanos e materiais para a adecuada atención do alumnado con necesidades educativas especia estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria. Hai alguén a quen se lle ocorra q ue nunha lei se indicase que a ensinanza das matemáticas ou das linguas estivesen vinculadas coa existencia de fondos para contratar profesorado? Pois é hora de que a atención á diversidade se entenda como un elemento fundamental nun ensino compensador e que busque rematar coas desigualdades. 

Ao mesmo tempo o Ministerio non se abriu a introducir, como lle demandou a CIG-Ensino que se blindase na futura Lei o cómputo dobre do alumando con NEE e que se ampliase nese alumnado a ter en conta ao de necesidades específicas de apoio educativo para evitar estafas como as que está a facer a Consellaría de Educación que, malia recoller algunha mellora neste sentido non as está a cumprir.

O profesorado de FP, principal prexudicado coa incorporación da “distribución irregular da xornada”

No apartado da redución da xornada lectiva do profesorado, o Ministerio incorpora unha novidade prexudicial para o persoal docente de FP.

“ Non obstante, no ámbito das ensinanzas de formación profesional poderá estabelecerse unha distribución irregular desa xornada lectiva, dentro del curso académico correspondente, cando sexa necesaria para atender as necesidades organizativas que deriven da concentración da carga lectiva modular destas ensinanzas en períodos compactos”

A pretensión do Ministerio quedou absolutamente clara na resposta que se lle deu á CIG-Ensino, no que foi a única crítica sindical a este apartado de todos os sindicatos presentes: contemplan que mesmo se puidesen superar as 20 horas lectivas (que no texto da Lei teñen un carácter excepcional) en determinadas fases do curso para compensar a fase de presenza do alumando en prácticas nos centros de traballo. O máis impresentábel da proposta é que até o momento actual estas diferenzas nunca supuxeron un problema e agora que se pretende reducir a xornada lectiva xeral do profesorado se aproveita para incorporar unha medida que pode ser moi lesiva para o profesorado: aumentado a carga de traballo en momentos puntuais do curso e reducindo a contratación doutros docentes como efecto inmediato. 

Posición da CIG-Ensino na Mesa sobre o texto do Anteproxecto do Lei

Horario lectivo do profesorado

  • Compartimos que a regulación debe ter un carácter básico e de horarios máximos para permitir que as Comunidades Autónomas teñan marxe de redución deses horarios.
  • Compartimos a referencia a que, cando se fala de horas lectivas, se consideren períodos lectivos independentemente de que a duración sexa de 60 minutos ou inferior.
  • Solicitamos que se especifique que se considera parte lectiva da xornada laboral do profesorado toda actividade que requira atención directa ao alumnado.
  • Solicitamos que se reduza a 21 as horas nos centros de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Este foi o horario pactado en Galiza no ano 2007 e anulado por Feijóo en canto chegou á presidencia da Xunta. É, por tanto, a demanda da CIG-Ensino en Galiza para o profesorado destes centros e, como é lóxico, o que entendemos que todo o profesorado do Estado debería ter como máximo.
  • Solicitamos a eliminación do carácter excepcional (fixado en 20 horas) da parte lectiva da xornada laboral do persoal docente doutras ensinanzas de réxime xeral, e que polo tanto o máximo quede en 18. O profesorado debe ter un horario máximo independentemente da etapa na que traballe. Poder chegar ás 20 horas non só é un engano na suposta mellora das condicións laborais do profesorado, senón que tamén é unha medida que vai en detrimento da atención ao alumnado e da coordinación pedagóxica. 
  • Solicitamos a eliminación da referencia que se fai á “distribución irregular da xornada lectiva” que se recolle para o ámbito das ensinanzas de formación profesional. O horario máximo dun docente destas ensinanzas ten que ser o mesmo que o de calquera docente das demais ensinanzas. Nunca o horario foi distinto e non se xustifica que agora teña que selo. En moitos centros as horas lectivas xa son superiores ao seren os períodos de 60 minutos e non de 50 como ocorre en centros que non son propiamente de formación profesional. Esta medida non só empeoraría as condicións de traballo, senón que tamén reduce a contratación deste profesorado.

Medidas en materia de ratio de alumnado por aula

  • Solicitamos que na modificación que se vai facer do artigo 157 da Lei Orgánica 2/2006 de Educación xa se inclúan as ratios para todas as etapas, incluíndo por tanto infantil, bacharelato e FP sen ter que agardar por unha nova regulación que xa advertimos que non cremos que se chegue a facer.
  • Solicitamos que o número máximo de alumnado por aula en primaria sexa de 20.
  • Solicitamos que a excepcionalidade que se recolle no punto 3 do artigo segundo se limite a un prazo transitorio, só durante a aplicación progresiva das novas ratios na etapa correspondente. Se as ratios actuais non teñen excepcións, non deberían telas as futuras.
  • Consideramos que as novas ratios deben comezar desde o curso 2026/27 nos primeiros cursos de cada etapa e o período de aplicación o da duración de dita etapa.
  • Consideramos que os indicadores de referencia para determinar aqueles centros educativos nos que, por diversas características, se requiran medidas concretas se establezan nesta lei, incluíndo tamén as vulnerabilidades lingüísticas e culturais.
  • Solicitamos que se fixen ratios máximas cando se agrupen aulas de distinto nivel, ciclo ou etapa.
  • Debe incluírse a fixación dunha ratio máxima de alumnado por persoal orientador, que se pode tomar como referencia a recomendación da UNESCO de 1 por cada 250.
  • Debería tamén incluírse unha ratio máxima de persoal especialista por alumnado NEE e NEAE, aínda que posteriormente sexan os Equipos de Orientación Específica ou os Departamentos de Orientación os que establezan o tipo de apoio ou reforzo que necesite cada alumno ou alumna.
  • Solicitamos que a dotación de recursos humanos e materiais para a adecuada atención do alumnado con necesidades educativas especiais non quede supeditada ás dispoñibilidades orzamentarias. Precisamente o alumnado máis vulnerábel debe ser o primeiro en ser atendido e, por tanto, a primeira prioridade á hora de distribuír os recursos.
  • Debe de quedar totalmente claro que o cómputo dobre do alumnado con necesidades educativas especiais para a determinación da ratio máxima en aulas ordinarias é de obrigado cumprimento e tampouco depende das dispoñibilidades orzamentarias.
  • No cómputo dobre debería terse en conta o alumnado NEAE que considere oportuno o departamento de orientación.

O Ministerio non se comprometeu a ter en conta ningunha das propostas da CIG-Ensino e o sindicato levará estas propostas ao ámbito parlamentario se finalmente o Consello de Ministros aproba o Proxecto de Lei tal e como chegou á Mesa Docente estatal. 

Diante das incertezas dos propios prazos de tramitación da Lei, da inseguridade do que poida acontecer no Congreso e no Senado así como da xa coñecida posición da Xunta ao respecto das nosas condicións de traballo e das ratios, a CIG-Ensino anima ao profesorado galego a impulsar, mediante a mobilización, unha resposta clara tanto ao goberno español como ao galego para que as nosas demandas de mellora sexan realmente atendidas e non se repita o xogo de mentiras e falas melloras que vivimos en Galiza co acordo da vergoña de 2023 rexeitado pola inmensa maioría do profesorado e pola maioría sindical.

 

Volver