A CIG-Ensino esixe unha Mesa Sectorial monográfica sobre oposicións despois de que a convocatoria de 2025 marcara a cifra histórica dun 33% de prazas desertas

As cifras demostran que a oferta de prazas da Consellaría é pura propaganda: apenas se materializan dous terzos das prazas anunciadas, ao tempo que non se toman medidas para garantir a docencia nalgunhas especialidades

A convocatoria de oposicións para os corpos de persoal docente non universitario do ano 2025 ofrece un balance global inédito en canto ao número de prazas cubertas. As cifras do último proceso acrecentan a tendencia á alza que se viña producindo nos últimos anos, tanto no que ten a ver coa cobertura das prazas ofertadas na quenda libre, como na de discapacidade ou nas reservadas á promoción interna.

Desde a CIG-Ensino levamos anos realizando un seguimento polo miúdo dos datos destas convocatorias e expresando en reiteradas ocasións a necesidade dunha análise en profundidade, tanto do proceso global como das distintas casuísticas que se producen por especialidades, para dar resposta á problemática sen que a Consellaría de Educación tomase ningún tipo de medida ao respecto. É por iso que é preciso convocar con antelación á aprobación da OPE de 2026 unha Mesa Sectorial monográfica na que se negocie coas organizacións sindicais todos aqueles elementos do proceso que son competencia da Xunta e que poden contribuír a melloralo.

Cando se cita a porcentaxe do 33% estase tomando como referencia o total das prazas anunciadas pola Consellaría de Educación que pretende, ano tras ano, enganar á opinión pública e crear unha expectativa favorábel aos aspirantes (“a maior oferta nos últimos anos, máis de 1.500 novos docentes, creación de emprego público e erradicación da temporalidade...”) cando anuncia aos catro ventos un número irreal de prazas, sendo perfectamente consciente pola natureza da convocatoria de que non se van cubrir en gran medida. Ademais a temporalización dos anuncios fai pensar que hai dúas ou tres veces oposicións docentes ao ano, primeiro cos anuncios do presidente Rueda, despois coa publicación da OPE, polo medio coa propaganda habitual do gabinete da Consellaría, e por último co anuncio e a publicación da convocatoria.

Mais á marxe de toda esta confusión interesada, o problema da non cobertura de prazas existe e maniféstase con distinta intensidade dependendo das especialidades. Mesmo tomando en consideración unicamente as prazas ofertadas para a quenda libre, as porcentaxes de prazas sen cubrir acadan a cota récord do 14% do total, superando as porcentaxes dos últimos procesos (12%, 7% e 11% en 2024, 2022 e 2021 respectivamente).

Afectación desigual por especialidades pero un problema cada vez máis estendido

O problema das prazas non cubertas non é homoxéneo e depende moito das especialidades, aínda que cada vez é máis transversal. Así, na quenda libre quedaron sen cubrir 32 prazas da especialidade de Informática e 42 de Sistemas e aplicacións informáticas. Outra área moi afectada é a relacionada con Electricidade e Electrónica, quedando desertas 10 prazas de Equipamentos electrónicos, 6 de Sistemas electrónicos e 8 de Sistemas electrotécnicos e automáticos. Mais o fenómeno non se limita a unhas poucas ramas técnicas; quedaron sen adxudicar 12 prazas de Organización e xestión comercial, 13 de Procesos de xestión administrativa e 13 de Formación e orientación laboral. Nos sectores singulares da FP temos tamén algúns exemplos como Cociña e pastelaría (4) ou Estética (2). Mesmo en especialidades de secundaria onde existe un amplísimo continxente de profesorado activo e en nómina da Consellaría a través da cobertura de interinidades e substitucións tamén se dan casos de non cobertura de prazas en especialidades das chamadas maioritarias como no caso de Matemáticas e Inglés (con 11 e 4 prazas desertas, respectivamente), o que sen dúbida merece unha reflexión.

Das prazas para promoción interna (A2 a A1), que a Consellaría anuncia na oferta sen aclarar que non se trataría de novo funcionariado de carreira, só se cobren un total de 10 (menos do 10% da oferta). Na quenda de discapacidade, o 86% das prazas de acceso quedaron desertas. A trampa nestes casos está servida e estas prazas non cubertas en ambas quendas serven para magnificar, en bucle, as cifras de sucesivos procesos nos vindeiros anos, incluídas as anunciadas para este 2026.

Á luz dos datos, é unha evidencia afirmar que existe un déficit de profesionais nalgunhas especialidades, e todo indica que só é a punta dunha tendencia que pode incrementarse e estenderse a outras. Temos claro que a profesión docente está a ser desprestixiada e socialmente desvalorizada tras anos de maltrato por parte de sucesivos gobernos do Estado e de Galiza. O aumento das esixencias e problemáticas nos centros sen o apoio e os recursos necesarios, o control burocrático e ideolóxico, o empeoramento horario e retributivo... son factores que desincentivan o acceso á profesión docente, ao que se lle suman outras trabas como a dificultade para adquirir a capacitación e habilitación docente, nomeadamente o Mestrado de formación do profesorado. Ademais, a Consellaría é consciente doutro fenómeno novidoso: o abandono do emprego no sector por descontento tanto de persoal temporal como fixo.

Para a CIG-Ensino esta problemática só se pode paliar mellorando as condicións laborais e facendo realmente atractiva a profesión docente. Cómpre afondar nesta vía e afastarse de propostas populistas e fondamente contrarias ao ensino de calidade, como as da presidenta da Comunidade de Madrid, na liña de que impartan clase estudantes universitarios ou profesorado xubilado. Até agora, o goberno de Rueda non chegou a ese punto; mais os xestores da Consellaría parecen sentirse cómodos cunhas taxas altas de temporalidade entre o profesorado, o que lles permite precarizar os empregos e reducir a dotación estrutural dos centros para que estes teñan que mendigar profesorado cada curso, mentres non para de medrar o orzamento destinado ao ensino concertado.

Para o sindicato maioritario é irrenunciábel o obxectivo do mantemento e mellora dun modelo docente de calidade, que conte con profesionais ben formados e con vocación e compromiso polo ensino público. Por isto, solicitamos á Consellaría que realice un estudo en profundidade sobre os motivos polos que se produce esta tendencia á alza e que se aborden solucións. A CIG-Ensino está en disposición de presentar propostas (algunhas xa as reitera cada ano sen éxito na Mesa Sectorial na que se negocia a convocatoria das oposicións) que permitan dignificar tamén o procedemento selectivo e que, vistos os resultados dos últimos anos, non pode agardar á demorada reforma do RD de acceso prometida polo goberno do Estado.

Volver