A CIG-Ensino esixe unha Mesa Sectorial específica ante o caos deste curso coa aplicación da reforma da Formación Profesional
O sindicato enviou un escrito á directora xeral de FP alertando do malestar de profesorado e alumnado en materia de ordenación, programación e avaliación e pedindo que se renegocie o Decreto galego que vai regular estas ensinanzas.
Malia a propaganda da Consellaría a realidade da Formación Profesional galega resúmese en máis privatización e burocracia e menos recursos e calidade formativa. Existe unha coincidencia xeneralizada entre o profesorado do sistema público: a partir deste curso o alumnado sairá peor preparado das aulas galegas froito dunha reforma educativa que reduce as horas dedicadas aos módulos profesionais nos centros educativos e incrementa a formación na empresa que, dadas as características dos sectores económicos galegos, non se axustará á programación académica nin a unha avaliación real das competencias adquiridas. Ademais segue sendo insuficiente a oferta pública en moitas familias profesionais, sobre todo na FP básica, mentres que a FP dual e as formacións aceleradas, as grandes apostas da Consellaría, non cubriron toda a matrícula e mesmo caeu algunha oferta destas modalidades.
Desde o inicio de curso o profesorado de FP leva dous meses e medio pelexándose literalmente coa aplicación PROENS para a elaboración das programacións didácticas que foi modificada xa en catro ocasións para subsanar erros técnicos ou de contido sen que se conseguira a súa adaptación á realidade destas ensinanzas, alén de non poder recuperar o contido das PD anteriores. A primeira sorpresa que levou o profesorado foi comprobar que se subiron á plataforma os currículos dos Reais Decretos dos títulos estatais e non os galegos, sen previo aviso, causándolle moitos trastornos ao non poder botar man de Criterios de Avaliación ou contidos para planificar as actividades de ensino/aprendizaxe. Dada a lentitude coa que a Consellaría abordou a reforma da FP, a CIG-Ensino considera que non se debería ter tomado esta decisión á espera de que se faga a actualización dos currículos galegos para o que esixe que se creen xa grupos de traballo por familias profesionais.
Outra das principais críticas do profesorado versa sobre a desaparición dos mínimos esixíbeis malia que non se modificou a Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial que os contempla como apartados obrigatorios no seu Anexo XIII, que é o que se toma coma referencia para as oposicións. Isto é especialmente relevante tendo en conta que está a piques de aprobarse a Oferta de Emprego Público para 2026 e a lexislación da FP non vai estar adaptada á realidade nas aulas pola inoperancia da administración que lle esixe constante actualización ao seu persoal, neste caso ao opositor, sen que esta faga o mínimo esforzo por poñerse ao día.
A xestión da formación na empresa, unha incógnita agás no incremento da burocracia
Ademais dos problemas que se produciron co cambio de aplicación para elaborar as programación didácticas e de que non exista currículo oficial dos novos módulos optativos nos ciclos medios e superiores, a estas alturas persisten aínda moitas dúbidas sobre o procedemento de avaliación e o desenvolvemento da fase de formación na empresa que pasa a ser curricular e non un módulo máis, como era a FCT. Con respecto a isto, a CIG-Ensino esixiu desde o primeiro momento un debate sosegado sobre onde e como situar a formación na empresa, tendo en conta que o número máximo de horas non debería superar as 500, rexeitando as 700 polas que optou a Consellaría, e que o alumnado que vaia en primeiro non vexa restado ese tempo do período total. O sindicato insiste en que esta formación debe adaptarse á planificación académica nos centros e non ao revés, para que as programacións didácticas e as avaliacións non sexan ficticias e irreais. Dada a especialización e o tamaño das empresas galegas (dun total de 234.980 rexistradas polo IGE en 2023, só 124 tiñan máis de 500 asalariados e asalariadas) o máis probábel é que o alumnado non adquira apenas ningún Resultado de Aprendizaxe ou moi poucos de todo o ciclo durante este período. O profesorado pide que se habilite unha solución realista e que non se vexa obrigado a mentir, ademais de resultar contraditorio o que se inclúe na Guía de avaliación, publicada con moito retraso, sobre a cualificación que obtería o alumnado no caso de non corresponderse ningún RA traballado na empresa cos módulos de segundo (levaría a cualificación da segunda avaliación parcial) co que acontecería se cursa esta formación en primeiro (a nota sería o resultado das actividades desenvolvidas na empresa). A CIG-Ensino considera que debe xeneralizarse a solución dada para os módulos de segundo e que debe facilitarse o máximo posíbel que as programacións de empresa, os acordos específicos e o plan individualizado de formación que haberá que realizar sexan o máis axustados á realidade e simplificados burocraticamente. Deben conter, iso si, a información relevante sobre normativa laboral que inclúe o artigo 156 do RD 659/2023 (circunstancias de rescisión do acordo, xornada e horario na empresa, compromiso de transparencia da empresa coa representación sindical e garantía de que o alumnado no substitúe postos de traballo).
O sindicato maioritario no ensino público galego incide en que ten que ser o criterio docente o que impere tanto á hora de asignar un alumno ou alumna a unha empresa, tamén na FP dual intensiva dado que os centros de ensino están exercendo de meras ETTs ou axencias de intermediación, como á hora de decidir se ten adquiridas as competencias necesarias para iniciar a formación na empresa, malia que cumpra os requisitos indicados nas instrucións relativas ao desenvolvemento dos grados D e E publicadas por Resolución do 1 de xullo de 2025.
Outra cuestión na que a CIG-Ensino amosou o seu desacordo foi coa decisión da Consellaría de emular a ordenación da oferta ordinaria á modular no que ten a ver coa distribución do horario no centro e na empresa dentro dos módulos de segundo. De novo estamos ante unha regulación totalmente forzada e carente de correspondencia coa realidade. Neste tipo de oferta é moito máis doado adaptar a formación na empresa á evolución da matrícula do alumnado. E con respecto á dualización dos módulos, tanto na oferta ordinaria como na modular, a CIG-Ensino defende que IPE I, IPE II, Inglés profesional e Habilidades comunicativas en lingua estranxeira (agás excepcións) deberían impartirse de forma íntegra no centro educativo, sen reducir por iso o horario do resto de módulos profesionais porque a ampliación do calendario escolar permíteo.
Catálogo de optatividade de módulos profesionais
O sindicato maioritario no ensino público galego foi moi crítico en Madrid e en Galiza coa Lei Orgánica de FP e así se pode comprobar na información que se desprende das súas intervención nas Mesas Sectoriais, no Consello Xeral da Formación Profesional do Estado e no Consello Galego de FP. A oposición do Partido Popular a esta normativa foi moito máis laxa baseando o seu voto en contra no Congreso dos Deputados en que “deixaba fóra á concertada”, tal e como se pode comprobar tamén no Boletín das Cortes españolas.
Agora, cando se demostra o lesivo que está sendo o desenvolvemento normativo para a calidade destas ensinanzas a Consellaría, e nomeadamente a Dirección Xeral de FP, está apuntando ao Ministerio como único responsábel desta desfeita. Mais, como se vén de demostrar nas queixas do profesorado, moitas das decisións que empeoran a norma son da Xunta de Galiza. O caso máis clamoroso, ademais de incrementar a dualización no réxime xeral, foi non optar por un módulo profesional de 90 horas de duración que permitira, tal e como reclamou a CIG-Ensino en múltiples ocasións, paliar a perda de horario nos módulos profesionais dos ciclos e actualizar os currículos dos mesmos,algúns claramente desfasados polo desleixo das administracións. A Dirección Xeral de FP está a tempo de emendar este tremendo erro e de crear un catálogo de módulos optativos por familias profesionais, mediante a formación de grupos de traballo entre o profesorado, de forma que o vindeiro curso conten cun currículo estandarizado. O sindicato considera que a solución de dividir en dous os módulos optativos é mesmo contraria á normativa estatal que fala de dous módulos optativos cuadrimestrais , mentres que Afondamento nas competencias profesionais e Habilidades comunicativas en lingua estranxeira non o son.
Mesa Sectorial para darlle un xiro a estas problemáticas e ao borrador de Decreto
Por darlle solución a todas estas cuestións, a CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito á directora xeral de FP na que a empraza a que convoque unha Mesa Sectorial específica que sirva tamén para renegociar o proxecto de Decreto galego da FP que non pode seguir a súa tramitación tal e como está, xa que só satisfai á Confederación de Empresarios de Galiza. Neste sentido, o sindicato nacionalista volve incidir en cuestións de carácter laboral que é preciso abordar para o profesorado de FP cada vez máis abafado en burocracia e máis desmotivado até o punto de que cada curso hai máis renuncias e excedencias e mesmo é difícil atopar quen faga substitucións nalgunhas especialidades. Unha das que está causando máis malestar é a de ter que traballar durante o mes de agosto no caso dos ciclos de FP dual intensiva que se prolongan até finais dese mes. Xa non é só a titorización da formación na empresa senón tamén dos proxectos, que este curso se implantarán tamén nos ciclos medios, e que se presentan e avalían normalmente en setembro. Sobre o Módulo de Proxecto precisamente é preciso ter dedicación horaria tanto para a súa coordinación como para as titorías individuais e colectivas, aínda que coincidan coa estadía do alumnado na empresa. O sindicato rexeita que se sigan implantando ciclos básicos no réxime dual intensivo e esixe que todos se oferten en dual xeral, ademais de que se incremente moito máis esta oferta por todo o territorio galego.
O anunciado PlanFPGal, dotado con 24 millóns de euros e aprobado a finais do curso pasado polo presidente Rueda foi vendido como un impulso destas ensinanzas. Na práctica só se incrementou a matrícula un 4% con respecto ao curso pasado, supoñendo 5.638 estudantes en total, polo que a Xunta debería explicar a onde dirixiu os fondos anunciados ou se era todo fume. Tamén se pide que se facilite a ampliación dos ciclos até as 2.200 horas no réxime dual xeral e ata as 2.800 no réxime xeral intensivo e a súa ampliación a tres cursos académicos, tal e como permite a normativa, sempre que haxa un acordo dos departamentos.
A eliminación da figura do profesorado asociado e que non se recorra a profesorado experto para evitar precarizar aínda máis a docencia na Formación Profesional e, polo tanto, mermar a calidade educativa, é outra das reclamacións que a CIG-Ensino lle trasladou nese escrito á directora xeral en calidade de voz maioritaria do profesorado, tamén do de FP. Ademais, hai outras cuestións de carácter laboral que forman parte da táboa reivindicativa que motivou a convocatoria de 5 xornadas de folga ao longo deste primeiro trimestre e que afectan directamente ao persoal destas ensinanzas: a fin da discriminación horaria nos CIFP e o pagamento do complemento de equiparación salarial ao PESSFP, que deben ser abordadas na Mesa Sectorial docente canto antes.

