A CIG-Ensino esixe que se manteñan os apoios educativos até o 30 de xuño

Unha vez que é coñecedora de que a Consellaría suspenderá os contratos PROA a 15 de xuño

Unha incongruencia máis da Consellaría de Roman Rodríguez, no momento en que son máis necesarios os reforzos estes son eliminados.

Nestes últimos días están chegando ao sindicato comunicacións dos centros educativos, sobre todo de educación secundaria, e do persoal afectado, nos que se nos di que o persoal do programa PROA vai ser cesado o 15 de xuño. Desde a CIG-Ensino esiximos á Consellaría que rectifique e amplíe os contratos até o 30 de xuño.

Non pode ser que no momento en que estes reforzos educativos son máis necesarios, a Consellaría decida recortar o reforzo educativo do que dotou aos centros educativos. Recordemos que na educación secundaria o tempo entre o 6 e o 22 de xuño, segundo a orde de calendario, dedicarase á preparación e realización das probas extraordinarias, e a actividades de apoio, reforzo, ampliación e titorización.

Estamos ante a enésima mostra de que para o goberno do Partido Popular o ensino é só un gasto no que se pode e debe aforrar.

Volver