A CIG-Ensino esixe que se amplíe o prazo para a actualización dos datos do persoal docente

Aplicación de datos persoais do profesorado

Na última Mesa Sectorial, a CIG-Ensino reclamou da Consellaría de Educación que ampliase o prazo para a actualización dos datos do expediente persoal do persoal docente. A Consellaría remitira a todo o persoal docente de Educación un correo comunicando que tiñan de prazo até o día 15 de maio para actualizar os seus datos persoais.

A CIG-Ensino xa lle trasladou que ese prazo era absolutamente insuficiente cando en moitos casos faltan a maior parte dos datos que deben figurar no expediente persoal. En relación con isto, a CIG-Ensino xa se dirixiu á Consellaría para esixirlle que os datos que xa constan na Administración, como titulación de acceso, destino e formación homologada non só deberían figurar xa na web, porque son datos que lle constan a Educación, senón que no caso de ter que actualizalos non haxa que presentar ningún tipo de documentación acreditativa, pois como dicimos, trátase de datos que constan no arquivo da Administración. É absolutamente incomprensíbel que nalgúns expedientes persoais non figure nin sequera a titulación de acceso, cando estamos a falar de datos que non só lle constan á Administración, senón que mesmo os ten informatizados.

Por outro lado, ter que documentar os datos que se achegan e que a Administración coñece, sobrecarga de traballo innecesariamente as secretarías dos centros educativos, moitas delas sen persoal administrativo, especialmente nestas datas.

Finalmente, manteremos a esixencia de ampliación do prazo, mesmo que ese prazo quede aberto indefinidamente, para que o profesorado poida actualizar os seus datos. Hai que considerar que este momento é o menos axeitado para sobrecargar profesorado e centros con este cometido, pois ademais das dificultades administrativas sinaladas anteriormente, estamos nun momento do curso en que hai moita actividade, exames finais nos centros que imparten bacharelato, actividades culturais relacionadas co 17 de maio, etc.

A CIG-Ensino esixirá que non haxa que documentar os datos que lle constan á Administración e que o prazo para a actualización de datos se manteña aberto indefinidamente.

Volver