A CIG-Ensino esixe participar nas negociacións sobre os complementos salariais do persoal docente e investigador das universidades galegas
A CIG Ensino ten información de que está habendo reunións entre a Secretaría Xeral de Universidades e as tres reitorías para tratar o tema das retribucións adicionais, como son os complementos de xestión.
Entregouse por rexistro a petición para que a Secretaría Xeral de Universidades e as tres reitorías tercen e velen pola participación da representación dos traballadores e traballadoras nas negociacións de todo o que lles afecta ás súas condicións laborais e salariais.
A CIG-Ensino foi coñecedora da convocatoria e celebración de reunións de traballo entre a Secretaría Xeral de Universidades e os equipos reitorais das tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) co obxectivo de abordar, deseñar e regular os complementos salariais que afectan directamente ás condicións laborais e retributivas do persoal docente e investigador destas institucións. En concreto estarían abordándose as retribucións adicionais, como son os complementos de xestión vinculados á asunción de certos cargos que se negocian cada ano sen contar coa representación laboral do PDI.
Dado que a CIG ostenta a condición de organización sindical legalmente constituída e conta cunha representatividade amplamente maioritaria no ámbito do persoal docente e investigador, solicita estar presente nestes ámbitos de negociación, estando plenamente lexitimada para formar parte dun comité ou foro onde se resolvan cuestións laborais que afecten a este colectivo.
Non é de recibo a exclusión da CIG destas reunións onde se negocian complementos salariais, xa que se vulneraría o dereito á liberdade sindical no ámbito da negociación colectiva, privando ao persoal afectado da defensa dos seus intereses.
A representación sindical do persoal docente e investigador das tres universidades é parte interesada e lexítima no proceso de negociación polo que solicitamos que se nos informe e convoque das reunións que se fagan en adiante a tal efecto para poder así participar nas mesmas, podendo garantir a presenza dos representantes sindicais da CIG nas mesas técnicas e comisións que manteñan a Secretaría Xeral de Universidades e as tres universidades públicas galegas.

