
A CIG Ensino esixe ao ministerio de educación que non se poñan atrancos á convocatoria das oposicións
Na reunión da Mesa Sectorial do Estado celebrada onte martes a CIG-ENSINO esixiu do Ministerio de Educación a garantía de que o goberno estatal non porá atrancos á convocatoria de oposicións docentes anunciada pola Xunta de Galiza e sobre a que hai dúbida
O Ministerio manifestou que non é responsabilidade deles a actual situación, que o Ministerio de Educación non pode facer nada, e que o Ministerio de Facenda mantén que sen taxa de reposición non pode haber oferta de emprego público ao non estar aprobados os orzamentos do estado para 2017. Nese sentido considera que podería producirse un acordo na Mesa Xeral da Función Pública que desbloqueara a actual situación antes de rematar o mes de marzo posibilitando a convocatoria de oposicións.
A CIG-ENSINO considera que o Ministerio de Educación está botando balóns fóra escudándose nas ameazas doutro ministerio do mesmo goberno.
Ao igual que esiximos onte na Mesa do Estado que o goberno do estado non poña atrancos á celebración de oposicións, mañá, na Mesa Sectorial de Educación de Galiza esixiremos á Consellería que siga adiante coa súa anunciada intención de convocalas.
De non ser esta a postura do goberno galego a CIG Ensino adotará as medidas necesarias para que a convocatoria se realice.
A actitude de desprezo que está tendo a administración para con opositores en paro e o profesorado interino, que non saben neste momento cal é a súa perspectiva de futuro, é unha razón a maiores para apoiar a Folga Xeral no Ensino Galego do vindeiro 9 de marzo.