
A CIG-Ensino esixe a retirada do proxecto de Real decreto de especialidades
De aplicarse imporía unha das reconversión máis graves sufridas polo profesorado
“Estamos ante un borrador de decreto que responde ao desenvolvemento da LOMCE que como xa tiña denunciado a CIG-Ensino ía comportar despedimentos de interinos e interinas, mobilidade funcional, precariedade laboral, reconversión do profesorado, aumento do tempo en expectativa, precariedade dos postos de traballo e obriga de exercer a docencia en materias diferentes das que se é especialista, sen importar a formación e os coñecementos do profesorado nin a calidade do ensino”, denuncia Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
En opinión da CIG-Ensino a proposta de borrador ten como obxectivo flexibilizar e desregularizar as especialidades do profesorado e facilitar a impartición de docencia nun corpo diferente ao que se pertence para reducir, aínda máis, os cadros de persoal dos centros. O proxecto contempla a creación dun profesorado polivalente, que vai ser de nivel e non de especialidade nos primeiros cursos da ESO e a introdución, por exemplo, de docentes de linguas estranxeiras á marxe do sistema ordinario de acceso á función pública docente.
O proxecto de Real decreto foi debatido nunha reunión da Mesa Sectorial do Ensino do MECD o 5 de novembro, na que a CIG-Ensino pediu a súa retirada. O Ministerio remitiu o proxecto dous días antes da reunión, imposibilitando calquera debate e información ao profesorado e só accedeu a dar de prazo até o 26 de novembro para enviar achegas.
Con esta proposta o profesorado será multifuncional, sobrecargarase o seu horario e terá que investir máis tempo na preparación da aulas. A maioría das materias terán menos profesorado especialista e a atención á diversidade desaparece. De non impedir a súa aplicación o traballo dos e das docentes farase e inasequíble en moitos casos e a merma na calidade educativa será profunda, con consecuencias máis nefastas para o alumnado con necesidade de reforzo e apoio educativo.
“De feito o propio Ministerio na súa presentación non tivo reparo en facer referencia aos conceptos de polivalencia, flexibilidade, rendabilidade e eficiencia para definir o contido do proxecto de real decreto. Terminoloxía neoliberal que enmascara despedimentos, precariedade laboral, mobilidade, desregulación e explotación, que concibe a educación como unha mercadoría máis e un ben de consumo só ao alcance duns poucos - engade Anxo Louzao. Máis unha vez temos que denunciar a actitude do conselleiro que en lugar de situarse en contra do proxecto que supón un torpedo á calidade do ensino e á dignidade do profesorado, asume como bo vasalo os mandatos de Madrid actuando como un militante disciplinado do PP e non como conselleiro de Educación”.
A CIG-Ensino esixe a retirada do borrador e inicio dunha negociación, previo debate co profesorado, que estabeleza os fundamentos e criterios para fixar as especialidades do profesorado, que observe o principio de especialidade, formación e coñecemento e evite a impartición de materias das cales non se é especialista.