A CIG-Ensino esixe a intervención da Consellaría para que se restitúa o dereito das docentes a facer a revisión xinecolóxica en Pontevedra
A central sindical considera “un agravio” que se obrigue a desprazarse a Vigo mentres se mantén “o servizo baixo mínimos” en Pontevedra
A CIG-Ensino vén de denunciar publicamente a “negativa da empresa Cualtis a facer as revisións xinecolóxicas das profesoras en Pontevedra, informando da obriga de desprazarse a Vigo” e esixe “a intervención da Consellaría para que remate con este agravio e restitúa este dereito.” No total da provincia de Pontevedra hai algo máis de 8.000 mulleres traballando no ensino público (entre docentes e non docentes) polo que a restrición deste dereito podería afectar a algo menos de 4.000 mulleres aproximadamente.
Dende a central sindical sinalan que “comezaron a recibir numerosas queixas de profesoras da zona norte da provincia ás que a empresa Cualtis negou a posibilidade de seguir facendo as súas revisións xinecolóxicas en Pontevedra e eran derivadas a Vigo.” Téñase en conta que isto provoca que unha muller que traballe no Deza ou no Salnés vai ter que atravesar a provincia cando até agora a revisión se facía en Pontevedra.
Postos en contacto con responsábeis da empresa Cualtis, dende a CIG-Ensino sinalan que “a empresa recoñeceu que informaban da obriga de se desprazar a Vigo, o que ocasiona un evidente prexuízo e gasto para as docentes e, na práctica, significa que Vigo será o único lugar de toda a provincia para estas revisións”, nun colectivo o que contrasta, por exemplo, coa situación na provincia da Coruña onde se mantén este servizo nas tres cidades.
Por outra banda, dende a CIG alertan de que “estamos diante dun acto fraudulento, xa que ao mesmo tempo que Cualtis deriva a Vigo, mantén o servizo en Pontevedra baixo mínimos”. Así, explican que “atende só a aquelas persoas que protestan para non seren derivadas a Vigo ou que saben que en Pontevedra o servizo segue activo, en contra da información que proporciona Cualtis.” Nese sentido, apuntan que “o que busca Cualtis é poder afirmar que non hai demanda en Pontevedra e así eliminar definitivamente a revisión xinecolóxica da cidade, o que é impresentábel, xa que non variaron as condicións de contratación da Consellaría coa empresa e, polo tanto, este ano, coas mesmas condicións que o ano pasado, ofertan peor servizo ao derivaren ás mestras a Vigo.”
Dende a CIG-Ensino esixen “a intervención da Consellaría para que se restitúa o dereito do profesorado a facer a revisión xinecolóxica en Pontevedra e se poña fin ao agravio que supón o desprazamento a Vigo.” Ademais, lembran que “a CIG-Ensino gañou o dereito ao recoñecemento médico do persoal docente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e no Tribunal Supremo” e que na execución de sentenza o sindicato reclamou que a revisión se fixera no SERGAS, co conseguinte aumento de persoal”. Porén, a Consellaría desoíu esta demanda, optando pola privatización e “as consecuencias estámolas vendo agora.” O sindicato, con independencia de que non estea de acordo coa prestación por parte dunha empresa privada da revisión médica anual obrigatoria a que toda traballadora e traballador ten dereito pola Lei de Prevención de Riscos Laborais, defenderá con uñas e dentes que se cumpran as cláusulas do contrato e que todo o persoal docente teña a protección da saúde mínima que a lei lle garante.
ACTUALIZACIÓN NAS RESTRICIÓNS DE CUALTIS NA REVISIÓN XINECOLÓXICA ÁS MULLERES DOS CENTROS DOCENTES DA XUNTA
Segundo nos veñen de confirmar, as restricións na revisión xinecolóxica na provincia de Pontevedra vai máis alá de que a empresa informe que non se pode facer en Pontevedra. A CIG-Ensino vén de confirmar que a empresa prestataria da revisión médica do persoal da Xunta limita a revisión a unha única clínica en Vigo, cando con anterioridade había máis opcións. As citas limítanse a un día á semana pola tarde, polo que que se provoca a imposibilidade de atender nos prazos previstos, creándose unha lista de espera xa completa até finais do mes de decembro.
A CIG-Ensino insiste na obriga de Cualtis de prestar un servizo polo que cobra e da Consellaría por velar polo correcto uso dos fondos públicos e pola atención da saúde do seu persoal.