A CIG-Ensino esixe a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial para negociar o Concurso Xeral de Traslados
A CIG-Ensino rexeita calquera escenario que supoña a non convocatoria do CXT
Todos os anos a esta altura do curso estaba convocado o Concurso Xeral de Traslados. O curso pasado, como consecuencia dun cúmulo de despropósitos e dunha actuación errática coa convocatoria do concurso do ano anterior, a Consellaría decidía que a convocatoria do concurso estivese limitada exclusivamente a concursar fóra de Galiza, impedíndolle así a mobilidade ao profesorado dentro de Galiza. Xustificaba esta decisión na ausencia de sentenzas firmes aos recursos presentados á convocatoria do ano 2013 e que, por tanto, a convocatoria podería non garantir a súa aplicación.
Porén, a Consellaría comprometeuse firmemente a convocar CXT para o curso 2015-2016, mais neste momento segue sen haber convocatoria de concurso e da Mesa Sectorial, cando o TSXG xa ten ditaminado distintas sentenzas firmes e non hai pretexto posíbel para non o convocar. Outra cousa é que quede por dilucidar definitivamente o incidente de execución de sentenza, despois do recurso presentado perante o TSXG contra a resolución do Tribunal Nº 2 do Contencioso-Administrativo Santiago de Compostela que resolvía “debidamente executada” a sentenza por parte da Consellaría.
Para a CIG-Ensino que a Consellaría estea agardando a ter unha resolución xudicial definitiva sobre como aplicar a sentenza, despois dunha aplicación un tanto sui géneris, non debe ser obstáculo para convocar o CXT. En todo caso, retrasalo respecto das datas que viñan sendo habituais non impide que se negocie a convocatoria para que todo o profesorado coñeza e conte con toda a información posíbel para ir preparando o seu concurso.
En todo caso, para a CIG-Ensino é evidente que non se pode aceptar nin asumir ningún escenario que non pase pola convocatoria do CXT neste curso. Por iso esiximos da Consellaría a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial, co obxecto de negociar a convocatoria do CXT deste curso para a súa posterior convocatoria.