A CIG-Ensino esixe a inclusión de varias propostas nos orzamentos de 2017
O proxecto dos orzamentos para a Consellaría de Educación para o ano 2017 non dá resposta ás necesidades do sistema educativo
Cadros de persoal amplos nos centros a fin de posibilitar a atención á diversidade, fixación de horarios cun máximo de 18 horas, redución do alumnado por aula e dos desdobres, non impartición de afíns ou, como mínimo, regulalas, e personalizar a educación.
Convocatoria, previa negociación, de oposicións en todos os corpos e niveis educativos.
Oferta pública de todas as vacantes existentes, produto das xubilacións e doutras circunstancias, ademais das que sexan necesarias crear para satisfacer as necesidades un ensino de calidade.
- Contrato nos meses de verán para o persoal substituto:
Restitución do dereito do profesorado substituto a cobrar os meses de verán, polo menos cando tivesen traballado 5 meses e medio durante o curso escolar.
- Recuperación salarial do profesorado:
Restabelecemento de todos os dereitos e retribucións arrebatados ao profesorado desde o ano 2010. A Xunta de Galiza tomará as medidas necesarias para restabelecer os salarios e as pagas extras completas do profesorado, que lle foron reducidas coa súa correspondente actualización, segundo o IPC resultante desde o ano 2010 até hoxe (horario lectivo, salario, pagas extras, etc.). Incremento das retribucións do profesorado galego que é dos peores retribuídos de todo o Estado.
A Xunta de Galiza garantirá a cláusula de revisión salarial para garantir, como mínimo, a suba anual dos salarios do profesorado igual ao IPC.
Restabelecemento do acordo entre a Xunta e as organizacións sindicais para que se destine o 1% da masa salarial do Capítulo I dos orzamentos da Xunta de Galiza ao Fondo de Acción Social.
O profesorado percibirá o 100% de todas as retribucións desde o primeiro día de incapacidade temporal (IT).
- Persoal administrativo en todos os centros:
Obrigatoriedade de dotar todos os centros públicos de persoal administrativo e doutro persoal cando sexa necesario.