A CIG-Ensino esixe a dimisión do Conselleiro de Educación

O Conselleiro de Educación segue mentindo e manipulando a través dos medios de comunicación

Un día máis, o Conselleiro de Educación mente e manipula. Por este motivo e polos seus continuos ataques ao ensino público e ao profesorado, pedimos, unha vez máis, a súa dimisión.

A súa ansia de desprestixio do profesorado non ten límite e agora ataca, outra vez, os representantes sindicais, ou sexa, os representantes do profesorado, elixidos democraticamente nun proceso regulado por lei. Cando critica os representantes sindicais, está criticando ao profesorado e negándolle o seu lexítimo dereito a expresar o seu rexeitamento contra as medidas impostas coas mobilizacións que entendan oportunas.

O Conselleiro segue mentindo cos datos. Sabe que temos razón cando falamos de éxito na participación e non pode ocultalo, por máis que o tenta mesmo procurando que os medios de comunicación recollan imaxes dos poucos centros en que a folga tivo unha incidencia menor. O Conselleiro sabe e oculta que a inmensa maioría do profesorado, incluídas as bases do seu partido, están en contra das medidas seguidas pola Consellaría de Educación. Até tal punto é consciente da incidencia das mobilización que, traizoando o seu discurso negador da incidencia da folga, pide que se desconvoque a do día 27.

É un novo insulto ao profesorado que se atreva a pedir a desconvocatoria da folga e que ao tempo afirme que non se vai sentar a falar cos representantes do profesorado. Ten experiencia, porque iso foi o que fixo no mes de xuño: negarse a reunirse cos representantes sindicais da Mesa Sectorial Docente, órgano de negociación que emana da lexislación vixente e que se compón seguindo os resultados electorais en que o profesorado decide por quen quere ser representado. Cando un Conselleiro se nega a reunirse cos representantes dos seus traballadores estaos insultando e está deixando claro que o seu modelo de goberno é a ditadura, acompañada, neste caso, da manipulación e da mentira.

A CIG-Ensino esixe a dimisión de tan escuro gobernante e esixe que se abra o diálogo coa Mesa Sectorial. A CIG-Ensino advírtelle ao Conselleiro  que non vai desconvocar unha folga xusta e necesaria porque el o pida, a desconvocatoria dunha mobilización como esta só se pode producir no momento en que o Conselleiro retire a orde de incremento do horario lectivo e imposición de novas funcións e se sente a negociar cos representantes do profesorado.

Volver