A CIG-Ensino e as comunidades educativas fartas da desidia da administración con respecto á saúde mental nos centros escolares

Ansiedade, depresión, autolesións ou intentos de suicidio ameazan a saúde da comunidade educativa

As comunidades educativas dos centros escolares (nomeadamente os institutos de Redondela IES Pedro Floriani, IES Illa de San Simón, IES Mendiño e IES de Chapela) claman por facer visíbel o que tamén denunciamos desde a CIG-Ensino sobre saúde mental porque así se nos traslada desde numerosos centros.

Os centros educativos de Galiza seguen capeando as extremas situacións emocionais vividas na súa comunidade educativa, sen recibir apoios por parte da Consellaría de Educación. O sindicato maioritario do ensino público en Galiza vén demandando esta situación a través da difusión nos medios e levando a problemática directamente á reunión mantida co conselleiro de Educación o día 21 de febreiro.

Á espera de recibir apoios por parte da Xunta numerosos centros educativos seguen poñéndose en contacto coa CIG-Ensino, sabedores de que o esforzo compartido e a implicación do sindicato sempre irá á par das necesidades dos centros educativos galegos. Desde a nosa forza sindical animamos á comunidade educativa a seguir denunciando a situación e a facela pública como é o caso do comunicado que se emitiu o 16 de febreiro e foi aprobado polos Consellos Escolares dos institutos de secundaria do concello de Redondela: IES Pedro Floriani, IES Illa de San Simón, IES Mendiño e IES de Chapela.

As catro comunidades educativas de Redondela, coas que coincidimos totalmente, centran as necesidades en puntos de vital importancia para afrontar a problemática incrementada na actual situación de crise sanitaria:

  • Reforzar o número de profesionais especialistas nos servizos públicos de saúde (psicoloxía, psiquiatría) e nos servizos sociais (educación social, traballo social, integración social).
  • Crear equipos interdisciplinares formados por profesionais especializados no ámbito social e da saúde que desenvolvan estratexias de intervención encamiñadas a promocionar, protexer e restablecer a saúde mental do noso alumnado con acción directa e coordinada nos centros educativos. Ao igual que noutras Comunidades, deberían incluír profesores técnicos de servizos á comunidade, que actúen como dinamizadores de propostas e enlace preciso entre centros, familias, servizos sociais e de saúde.
  • Dotar de máis especialistas aos EOE de ámbito provincial, actualmente con exiguos recursos humanos incapaces de dar resposta ás necesidades dos centros educativos.
  • Fortalecer os programas de prevención do suicidio e acudir aos centros nos que se produzan intentos ou casos, que precisan dun acompañamento profesional.
  • Apoiar e formar os profesionais da educación que día a día están a xestionar como ben poden o benestar emocional e mental do alumnado. 

A CIG-Ensino recorda que xa viñan sendo unha preocupación do profesorado moito antes da pandemia as situacións de falta de convivencia, violencia, inseguridade, intolerancia ou non respecto entre iguais experimentadas nas aulas polo alumnado e de cara ao propio persoal docente. A falta de medios para atender o benestar emocional do alumnado que acompañou sempre a esta consellaría faise máis visíbel na situación sanitaria actual sen que desde a administración se tomen decisións ao respecto.

O profesorado, no centro de atención. A falta de formación e apoios aos docentes fai que estes estean coas mans atadas por un currículo férreo, por unha burocracia ilimitada, por horarios máximos, por ratios imposíbeis, por funcións inabarcábeis e un longo etcétera.

Agora mesmo, logo de ter vivido situacións extremas no ámbito profesional, tendo que atender as funcións de orientación e de asesoramento a través da titoría, o ensino virtual, a propia formación, o exceso de burocracia, a necesaria coordinación e unha docencia directa -moi limitada ao respecto do traballo co alumnado, en equipo, en proxectos interdepartamentais e coa innovación pedagóxica aplicada nos últimos anos-, é moita hora de que a administración poña o foco na saúde mental do persoal docente e do alumnado.

CIG

Desde a CIG-Ensino consideramos que facer fronte ás esixencias da situación extrema que se está a vivir nos centros educativos, desde marzo de 2020, esixe do departamento dirixido por Román Rodríguez priorice levar a cabo actuacións urxentes e concretas relacionadas coa saúde mental do profesorados e alumnado dos centros educativos galegos.

Volver