CIG-Ensino advirte sobre a necesidade de concretar actuacións para salvagardar a saúde mental de profesorado e alumnado

Así o recolle nun escrito remitido ao conselleiro de Educación no que o sindicato maioritario demanda unha actuación clara neste tema

A situación sanitaria vivida nos últimos tempos puxo de manifesto, entre outras cousas, a necesidade de atender os aspectos relacionados coa saúde mental da comunidade educativa.

Xa viña sendo unha preocupación do profesorado moito antes da pandemia as situacións de falta de convivencia, violencia, inseguridade, intolerancia ou non respecto entre iguais experimentadas nas aulas polo alumnado e de cara o propio persoal docente.

Agora mesmo, logo de ter vivido situacións extremas no ámbito profesional, tendo que atender as funcións de orientación e de asesoramento a través da titoría, o ensino virtual, a propia formación, o exceso de burocracia, a necesaria coordinación e unha docencia directa -moi limitada ao respecto do traballo co alumnado, en equipo, en proxectos interdepartamentais e coa innovación pedagóxica aplicada nos últimos anos-, é moita hora de que a administración poña o foco na saúde mental do persoal docente e do alumnado.

A falta de medios para atender o  benestar emocional do alumnado

Logo de anunciar o conselleiro, en febreiro de 2021, a posta a disposición dos centros educativos dun Plan de Benestar Emocional, como “unha proposta de intervención en tres fases para desenvolver o acompañamento ao benestar emocional do alumnado”, a sensación que existe neste momento entre o profesorado é que, unha vez máis, o papel terma de todo e que non existen recursos para afrontar todos os problemas aos que se enfronta cada día nas aulas. Máis aínda, carecendo de formación psicosocial e de ferramentas de intervención específicas neste eido, a maior parte da atención das casuísticas e trastornos mentais, de conduta, de motivación e de rendemento académico que se están a producir nestes momentos entre estudantado de case todas as etapas educativas está a recaer no propio colectivo docente.

As iniciativas como a “Rede De Acompañamento E Orientación Persoal e Familiar de Galicia (RAOGAL)”, posta en marcha neste curso, son de moi dubidosa utilidade e non serven para dar resposta ás problemáticas que se dan nos centros educativos tal e como nos trasladan desde os Departamentos de Orientación.

Se o destino dos fondos europeos, os coñecidos como fondos Covid, estivesen en función das necesidades que desde os centros educativos demandan, a utilidade dos mesmos estaría máis que garantida nun plan de actuación real e individualizado centro a centro.

Onde está estabelecido o tempo que o profesorado ten para adicar á formación, colaboración e posta en práctica destes Plans, Protocolos e declaracións de intencións varias por parte da administración?

Desde a CIG-Ensino seguiremos reivindicando que as xefas e xefes dos departamentos de Orientación teñen que ter presenza nos centros en función do número de alumnado. As recomendación europeas van encamiñadas a que terá que haber unha persoa de orientación cada 250 alumnos e alumnas como máximo. Tamén que se reforce a acción titorial e os recursos para atender toda a diversidade e problemática que o noso alumnado presenta.

O profesorado, no centro de atención

Actualmente o profesorado está coas mans atadas por un currículo férreo, por unha burocracia ilimitada, por horarios máximos, por ratios imposíbeis, por funcións inabarcábeis e un longo etcétera.

Desde a CIG-Ensino queremos poñer de manifesto a necesidade de atender tamén o profesorado e a súa saúde mental. É o momento de que a administración faga algo ao respecto do benestar, prevención e coidado da saúde mental do persoal docente.

De novo, o papel mollado da normativa publicada deixa en evidencia á propia Consellería. A Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade regula no capítulo VII “O desenvolvemento social e emocional do alumnado” e no capítulo VIII “O desenvolvemento persoal e profesional do profesorado”. Un texto que non deixa de ser palabras baleiras pero que, unha vez máis, non vai acompañado de propostas e accións concretas que permitan a súa aplicación sen necesidade de sobrecargar  máis aos centros coa redacción de protocolos estándares e ríxidos ante situacións que afectan a persoas e que, polo tanto, teñen que ter un tratamento individualizado en contacto permanente con familias e profesionais da rede de asistencia sociosanitaria.

O profesorado galego ten a necesidade de expresarse e de ser escoitado. Xa o evidenciou ao comezo da pandemia, coa resposta masiva de máis de 6000 docentes á enquisa da CIG na que precisaban trasladar a alguén a problemática que estaban vivindo facendo fronte ao ensino virtual con todo o que supuxo a nivel emocional. Unha realidade que se ve agravada polo alto nivel de esixencia que implica impartir docencia nas condicións destes dous cursos que comezaron, non o esquezamos, por un confinamento inédito e marcado pola improvisación, que continuaron o ano pasado cun curso que semellaba que ía ser unha transición á normalidade, con enormes diferenzas entre centros nos que se permitiron os desdobres necesarios con respecto a outros nos que se optou pola semipresencialidade ou polos grupos burbulla e que, este ano, logo do medre da última vaga de casos, está aínda moi lonxe de acadarse. De feito, a incidencia da enfermidade e dos illamentos nunca tan alta foi desde o inicio da pandemia como desde o mes de decembro até a actualidade.

Malia que a Consellaría segue a non ser transparente nos datos de positivos, negándose a publicalos detallados cando menos entre o colectivo de profesorado e de alumnado, a pasada semana aínda se rexistraban 6.470 casos activos nos centros educativos e o peche de 97 aulas, o que implica un impacto moi importante na situación emocional de toda a comunidade educativa afectada como no normal devir da actividade académica.

A Consellaría ten que ser consciente de que nos últimos dous meses o goteo continuo de casos, illamentos e corentenas está a ter efectos moi importantes na saúde e benestar emocional de alumnado e docentes, entre outros motivos por non reforzar desde inicio de curso o número de profesorado nin reducir as ratios, que levará moito tempo reparar, polo que é preciso un Plan de acompañamento real e implementalo desde xa co reforzo dos departamentos de Orientación e outras accións como pode ser a posta en marcha dun servizo de atención psicolóxica semellante ao que existe nas Universidades públicas galegas cando menos a nivel comarcal.

Desde a CIG-Ensino consideramos que facer fronte ás exixencias da situación extrema que se está a vivir nos centros educativos desde marzo de 2020 e resolver e sacar adiante o traballo docente tal e como se fixo non pode ter outra resposta por parte da administración que non sexa valorar e recoñecer o mérito do seu profesorado atendendo como se merece a súa situación persoal e profesional.

CIG

Instamos polo tanto directamente ao conselleiro de Educación a que estableza como prioridade levar a cabo actuacións concretas relacionadas coa saúde mental do profesorado, xa que é un aspecto agravado nos últimos tempos polas actuais condicións de traballo e a que, polo tanto, asuma a súa responsabilidade en canto á prevención de riscos, as enfermidades profesionais e todo o que ten que ver coa saúde dos e das súas profesionais.

 

CIG-Informa sobre a saúde mental de profesorado e alumnado

Documento


Volver