A CIG-ENSINO entregou hoxe, no rexistro da Consellaría de Educación, 6425 sinaturas enviadas polo profesorado a fin de que non se suprima a xornada matinal nos meses de xuño e setembro
Calendario Escolar
A CIG-ENSINO entregou hoxe, no rexistro da Consellaría de Educación, 6425 sinaturas enviadas polo profesorado a fin de que non se suprima a xornada matinal nos meses de xuño e setembro
A
CIG-Ensino entregou hoxe, 16 de abril, ás 11:30, máis de 6425
sinaturas do profesorado dos centros que teñen a xornada partida, exixindo que se manteña a xornada lectiva continuada matinal nos meses de xuño e setembro para o curso 2007- 2008.
A existencia dunha xornada lectiva continuada en horario matinal nos meses de setembro e xuño ten a finalidade de estabelecer un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo no mes de setembro, e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado de todo o curso durante o mes de xuño, período que coincide coas avaliacións finais. A eliminación desta xornada pode ter unha incidencia negativa no alumnado. Sempre se considerou que este tipo de xornada era o máis axeitado para o alumnado e así se veu recollendo ao longo dos anos. Por iso manifestamos o noso desacordo coa modificación que propón a Consellaría, ao entendermos que repercute negativamente na adaptación do alumnado.
Por todo isto, amosamos o noso total rexeitamento a esta medida involutiva que para nada repercute positivamente na calidade do ensino e que significa un retroceso respecto da situación actual.
Con este mesmo motivo, o mércores, 18 de abril, ás 19:00 horas, están convocadas concentracións en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra e Vigo.
A Consellaría publicou hoxe no DOG a orde que regula o calendario escolar para o curso 2007-2008 retirando a xornada continuada matinal nos meses de xuño e setembro. Estamos ante unha provocación e imposición impropia dunha Consellaría gobernada polo PSOE que predica o diálogo e a negociación e que, porén, utiliza procedementos totalmente arrogantes e ostentosos. Exiximos da Conselleira que retire o novo modelo de xornada, do contrario verémonos obrigados a convocar unha folga.