A CIG-Ensino entregou 8.703 sinaturas do profesorado para exixir o dereito indefinido a acceder á xubilación anticipada

Folga xeral para o día 27 de xaneiro polo mantemento do sistema público de pensións

A CIG–Ensino, entregou hoxe, 24 de xaneiro, no rexistro da Xunta de Galiza, 8.703 sinaturas do profesorado galego, esixindo o mantemento do dereito a xubilarse anticipadamente. Como é sabido, a disposición transitoria segunda da LOE, estabelece que: “Antes de la finalización, del periodo de implantación de la presente Ley, establecido en la disposición adicional primera, el Gobierno, previa consulta a las Comunidades Autónomas, procederá a la revisión del tiempo referido al régimen de jubilación voluntaria así como de los requisitos exigidos.” Por iso, a CIG-Ensino intensificou a súa campaña en demanda deste dereito que gozamos desde o ano 1991.

Na entrega das sinaturas, o Secretario Nacional, Anxo Louzao, afirmou que “o recoñecemento ao labor docente e a aposta por crear emprego son argumentos suficientes para consolidar, de vez, este dereito que se vén prorrogando repetidas veces desde que se recolleu na LOXSE, en 1991.”  Por outra parte, manifestou que é incomprensíbel que o Conselleiro nin sequera se interese polo tema e continúa sen dar sinais de vida, malia que a propia LOE recolle que a revisión deste dereito ten que ser “consultado coas comunidades autónomas”,

Debemos ter presente que as importantes ofertas de emprego dos últimos anos no ensino non serían posíbeis se o profesorado en activo se puidese xubilar anticipadamente. Por exemplo, no ano 2009, o profesorado que se acolleu a esta modalidade foi o seguinte: 374 profesores/as de Primaria, o 43,19%, e 157 de Secundaria, o 21,60%, o que fai un total de 531 profesores/as, é dicir, un 33,33% do profesorado que reunía as condicións.

Neste momento, todas e todos sabemos que está en perigo a continuación de podérmonos xubilar anticipadamente, debido aos recortes que o goberno central ten previsto para as pensións: ampliación dos anos para calcular a pensión, ampliación da idade de xubilación, etc.  Por iso, desde a CIG, temos convocado unha folga xeral para o día 27 de xaneiro polo mantemento do sistema público de pensións, pola defensa do dereito a podérmonos xubilar anticipadamente,  en contra da ampliación da idade de xubilación e dos anos para o seu cálculo e,  ao mesmo tempo,  para defender o emprego.

Volver