A CIG-Ensino encara as eleccións do vindeiro 9 de maio co obxectivo de seguir defendendo a universidade pública como sindicato maioritario

O sindicato nacionalista concorre a estas eleccións cunhas candidaturas abertas e plurais, con presenza nos 7 campus, conformadas por 81 persoas na Universidade da Coruña, 80 na de Santiago de Compostela e 68 na de Vigo.

  • Como principais eixos do seu programa electoral, logo da entrada en vigor da LOSU e ante as incertezas do que poida acontecer co Estatuto do PDI, está a mellora das condicións do persoal docente e investigador, fundamentalmente do máis precarizado; a recuperación da xubilación anticipada eliminada na reforma das pensións de 2011 co beneplácito dos sindicatos estatais; unha maior atención á saúde laboral; melloras na conciliación da vida persoal, laboral e familiar; a promoción de todo o que ten que ver coa igualdade de xénero e coa coeducación e a normalización da lingua galega tanto na actividade académica como en todo o que xira arredor da “vida universitaria”.
  • Ademais, ante o desafío da Xunta de autorizar a primeira universidade privada de Galiza á entidade financeira Abanca e a escaseza de oferta de títulos moi demandados que obrigan a alumnado galego a matricularse en universidades privadas de fóra, a CIG-Ensino eríxese como defensora inquebrantábel da universidade pública, de aí que este sexa o punto central do seu lema de campaña.
Programa e candidaturas completas

A CIG-Ensino presenta o seu programa electoral e as candidaturas coas que concorrerá ás eleccións sindicais previstas para o vindeiro 9 de maio co obxectivo de revalidar a súa condición de sindicato maioritario nas universidades públicas galegas. Hai catro anos obtivera 38 delegados e delegadas en total, case unha cuarta parte máis que a seguinte organización sindical. Nesta ocasión, as candidaturas confórmanas un total de 229 persoas tanto de PDI funcionario como de PDI laboral que representan a enorme pluralidade existente nos 7 campus das tres universidades galegas.

Candidaturas por universidade 

En concreto na Universidade da Coruña concorren a estas eleccións 16 homes e 16 mulleres dentro da categoría de PDI funcionario con Laura María Castro Souto, profesora titular da Facultade de Informática como número 1. No colectivo de PDI laboral encabeza a lista o profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias, Ramón Muíño Boedo, que está acompañado por 19 mulleres e 23 homes

Na Universidade de Santiago de Compostela a candidatura de PDI, conformada por 29 persoas (15 mulleres e 14 homes), leva como cabeza de lista a Esther Martínez Piñeiro, profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación. Por campus a de PDI laboral de Compostela agrupa 36 persoas (19 mulleres e 17 homes) e encabézaa o tamén profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Carlos Macía Arce, mentres que polo colectivo de PDI laboral de Lugo optan a representación 15 persoas (9 homes e 6 mulleres) co investidador posdoutoral, Adrián Casanova Chidana, da Facultade de Veterinaria no primeiro posto. 

Por último na Universidade de Vigo, no caso de PDI funcionario a lista está conformada por 30 persoas, das cales 20 son homes e 10 mulleres, e o número 1 da mesma osténtao o profesor titular da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte de Pontevedra, Aquilino Alonso Núñez. No colectivo de PDI laboral a CIG-Ensino presenta candidaturas por separado no campus de Pontevedra e no de Ourense. No primeiro caso optan a ser delegados ou delegadas 12 homes e 10 mulleres co investigador do programa Margarita Salas na Facultade de Ciencias do Mar, José Iglesias Prado á cabeza. En Ourense o posto número 1 neste colectivo é tamén para o profesor axudante doutor da Facultade de Educación e Traballo Social, Jesús Deibe Fernández Simo. A candidatura de PDI laboral está composta neste caso por 7 homes e 7 mulleres

Principais eixos do programa electoral 

As universidades galegas enfróntanse nos próximos anos a importantes cambios procedentes sobre todo da aplicación da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e da Lei da Ciencia. A CIG-Ensino sempre defendeu unha negociación dentro do ámbito galego que homoxeneice o máximo posíbel o sistema universitario galego, sobre todo, como representación dos seus traballadores e traballadoras, todo o referente ao Estatuto do Persoal Docente e Investigador, polo que unha das súas principais reivindicacións é constituír unha Mesa Universitaria galega na que se terían que negociar aqueles aspectos que non dependen en exclusiva da normativa estatal. Desde a CIG-Ensino somos conscientes que hai temas determinantes no curto prazo como son os procedementos transitorios de selección de profesorado, a nova normativa de procesos de selección e a actualización das normas relacionadas co PDI, incluído o convenio colectivo, que deberá adaptarse ás novas figuras laborais e debe dar resposta aos problemas que levaron á CIG e formular reclamacións e conflitos colectivos contra as tres universidades. 

Con respecto ás condicións do persoal a CIG-Ensino presenta unha detallada táboa reivindicativa cuxo contido completo se pode consultar nesta ligazón. En calquera caso, para o sindicato é fundamental reter o talento investigador e recuperar a quen se viu forzado a marchar ante a limitación provocada por políticas restritivas como a taxa de reposición destes últimos anos, un esforzo que ten que ser prioritario nos vindeiros anos ante un avellentamento do cadro de PDI e das numerosas xubilacións que se van producir nos vindeiros anos

Así mesmo, para garantir alén da estabilidade do persoal é preciso actualizar o mapa de titulacións que se ofertan e recuperar a xubilación anticipada aos 60 anos eliminada para o PDI funcionario despois de 2011 nas sucesivas reformas do goberno aprobadas polos sindicatos estatais. A este dereito debera poder acceder todo o PDI, sen distinción, garantido que quen cumpre os requisitos de anos cotizados, por desgraza cada vez menos xente pola tardía incorporación á docencia universitaria, poidan desfrutar dos mesmos dereitos que o PDI titular e catedrático que accedeu antes desa data. 

A CIG-Ensino esixe, ademais, unha maior atención á saúde laboral, tanto mediante a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais como regulando medidas de adaptación do posto de traballo para o persoal que, por motivos de saúde, non poida desenvolver a súa actividade de forma normal e pide tamén un reforzo do papel dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral dentro de cada unha das institucións universitarias. 

Outra demanda do persoal que traballa nas universidades galegas, e que recolle o sindicato no seu programa electoral, ten que ver con mellorar as medidas de conciliación que permitan atender a vida persoal e os coidados, á vez que realizar a súa actividade profesional. Entre outras accións proponse aumentar, ao igual que para o resto de traballadoras e traballadores deste país, os permisos de paternidade e maternidade, igualando primeiro en 22 semanas ambos os dous, co obxectivo de incrementalos a un ano e permitindo que as familias monoparentais poidan gozar dos dous. Adaptar a normativa para que a redución de xornada se centre na redución de carga horaria lectiva e aumentar e mellorar a dotación de servizos sociais para as persoas, tanto que traballan como que son usuarias das universidades, son outras das medidas que van neste sentido. 

En relación tamén coa promoción da igualdade real, a CIG-Ensino propón a elaboración e execucións de Plans que fomenten a igualdade de xénero en todos ámbitos da vida universitaria, tamén con accións dirixidas ao alumnado e ás actividades extraacadémicas. 

A normalización lingüística ten un espazo moi destacado no programa electoral da CIG-Ensino. Ao igual que o resto das etapas educativas, o ensino universitario está sendo nestes intres un elemento máis que contribúe á desgaleguización da sociedade. Como se ten denunciando en múltiples ocasións desde organizacións que traballan a prol da defensa e promoción das linguas minorizadas a presenza do galego nalgunhas titulacións e xa non digamos como lingua vehicular nas tarefas de investigación ou administrativas é practicamente irrisoria. É preciso cumprir a normativa vixente, tanto os estatutos que rexen o funcionamento das tres institucións, como os seus plans de normalización. Entre as accións que propón a CIG-Ensino neste eido está valorizar o coñecemento do galego dentro dos procesos de selección do PDI e poñer en marcha plans de formación específicos para mellorar as competencias lingüísticas de todo o persoal que presta servizo nas universidades, así como a galeguización da burocracia administrativa e da comunicación que veñen realizando ou o fomento e a promoción do noso idioma en todos os actos e accións dirixidas á comunidade universitaria, sexan académicas ou extraacadémicas.

 

Volver