A CIG-Ensino emprenderá accións xudiciais tras a negativa do CPR Sagrado Corazón de Lalín a readmitir a traballadora despedida ilegalmente

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, participou esta mañá nunha concentración de delegados diante do centro educativo para exixirlle á empresa que negocie e ao conselleiro de Educación que medie neste conflito.

A CIG-Ensino levará aos tribunais o despido ilegal o pasado 6 de decembro da especialista en Audición e Linguaxe, Geli Rodríguez Amado, do CPR Sagrado Corazón de Lalín.

Despois de que a empresa se negara a estabelecer calquera tipo de negociación, tras unha xuntanza dos seus propietarios mantida onte e á espera da cal a CIG aprazara os actos reivindicativos, delegados do sindicato concentráronse esta mañá diante do centro para pór de manifesto que “este modo de actuación é propio do século XVIII”. Neste sentido, Xosé Nogueira, representante da executiva nacional da central nacionalista, explicou que a empresa actuou fraudulentamente ao non entregarlle unha copia da prórroga do contrato á traballadora na que se fixaba a data de finalización o 6 de decembro e non a finais de curso, que era o acordado con ela e que coincide co inicio da súa xubilación. Desde o sindicato están seguros de que “o xulgado nos dará a razón e de que finalmente a empresa terá que pagarlle unha indemnización por todo este tempo que non está contratada”. Nogueira lembrou ademais que o contrato era moi precario, “de só 9 horas semanais e cun salario de 600 euros á par que ilegal polo tipo de contratación, por obra e servizo”.

Mediación do conselleiro

Por outra banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello exixiulle ao conselleiro de Educación e Cultura que medie neste conflito nun escrito que lle foi presentado o pasado luns. “Aínda tratándose dun centro privado, cómpre lembrar que o salario do persoal docente correspóndese co chamado pagamento delegado, é dicir, asumido pola propia administración galega. Así pois, a Consellaría non debería manterse á marxe dun conflito que se alongará ao chegar aos tribunais e que está prexudicando a comunidade educativa do centro”, en palabras de Bermello.

O sindicato está recollendo sinaturas de apoio á compañeira despedida e seguirá con distintas actuacións en paralelo á demanda xudicial. 

Contratación dun familiar

Por outra banda, a traballadora afectada declarou que “non estou reclamando nada que non sexan os seus dereitos laborais”, despois de que desde a empresa lle negaran a liquidación que lle corresponde. Entre as causas que considera que están detrás do seu despido alude á contratación dun familiar da propiedade do centro que está xa nestes intres substituíndoa no seu posto de traballo.

Volver