A CIG-Ensino e todas as organizacións sindicais presentes na Mesa conseguen que a Consellaría deixe sen aplicación a circular do 14 de maio

Circular 15 de maio

A CIG-Ensino e as restantes organizacións sindicais despois das presións realizadas conseguen que a circular do 14 de maio non sexa de aplicación para a determinación de unidades e agrupamentos.
A CIG-ENSINO E AS RESTANTES ORGANIZACIÓNS SINDICAIS, DESPOIS DAS PRESIÓNS REALIZADAS, CONSEGUEN QUE A CIRCULAR DO 14 DE MAIO NON SEXA DE APLICACIÓN PARA A DETERMINACIÓN DE UNIDADES E AGRUPAMENTOS
 

Na mesa sectorial de hoxe, 29 de maio, a CIG-Ensino e todas as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial, presentamos novamente como punto previo a demanda da retirada da circular de 14 de maio en que se recollían criterios para o agrupamento de unidades.

Despois dun duro debate, conseguimos chegar a acordo para que esta circular quede sen efecto, o que, na práctica, vén ser a súa retirada. Desta maneira a acta da Mesa Sectorial recollerá que:

  1. As instrucións de 14 de maio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos é un documento interno de traballo coa finalidade de recompilar datos e sen pretensión de aplicación para a determinación de unidades.

  2. Na Mesa Sectorial Docente non Universitaria negociaranse os criterios a aplicar nos supostos de posíbeis agrupamentos de alumnos de Educación Infantil e Primaria de distinto nivel e mesmo ciclo, e excepcionalmente de diferente ciclo. Estes criterios serán os que se apliquen na determinación de unidades dos centros de Infantil e Primaria, sen prexuízo de negociacións específicas nas Xuntas de Persoal.

  3. As negociacións destes criterios iniciaranse o vindeiro 9 de xuño.

A CIG-Ensino valora moi positivamente que as mobilizacións iniciadas desde o momento en que coñecemos a circular teñan acadado o seu obxectivo, e que as organizacións sindicais mantivésemos unha postura conxunta neste transcendental conflito. Ademais agradecemos ao profesorado a súa rápida reacción de apoio, enviando os posicionamentos propostos pola CIG, medida que colaborou á que hoxe puidésemos chegar a acordo.

Na negociación que se iniciará o vindeiro día 9 a CIG-Ensino demandará que a negociación parta dos criterios que se viñan aplicando desde 2003 (que fixaban que se poderían realizar agrupamentos até un máximo de 16 alumnos), coa intención de melloralos.

Polo tanto queda DESCONVOCADA a Concentración do día 3 de xuño.

Volver