A CIG-Ensino e outras organizacións sindicais do ensino concertado fan entrega, no rexistro e na secretaría do conselleiro Román Rodríguez, dun escrito reivindicativo e de petición de convocatoria da Mesa tripartita
No escrito comunican como medida de presión unha concentración de delegados e delegadas do sector diante da Consellaría o próximo día 5 de maio ás 11:30.
Despois da reunión da Comisión Tripartita do Ensino Concertado celebrada o pasado mércores 8 de abril, puramente informativa, onde a Consellería non cumpriu co seu compromiso de iniciar a negociación de novos acordos e afirmou que tocaba estabilizar o Acordo da Xubilación Anticipada, sen máis que negociar, as organizacións sindicais CIG-Ensino, SNEP, USO, FSIE, CCOO e UGT solicitaron a convocatoria da Comisión Tripartita, propondo de xeito preferente iniciar as negociacións en tres puntos básicos:
- Desbloqueo da Disposición adicional 12ª dos orzamentos, que impide a execución do Acordo do 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e calidade do ensino, publicado no DOG do 30 de maio de 2008, coa subida salarial actualizada. Propoñemos a firma dun novo acordo de condicións laborais do ensino concertado onde se aborden tanto o aboamento dos complementos económicos actualizados como a redución da carga lectiva co conseguinte incremento de cocientes.
- Addenda ao Acordo de xubilación parcial para mellorar tanto o seu ámbito subxectivo como obxectivo, coa inclusión do persoal de pago privado indebidamente excluído, como a negociación doutras melloras no acordo.
- Complemento salarial autonómico directo e finalista para o Persoal de Administración e Servizos.
Ademais, cómpre tratar outros temas como a PEA, o complemento de dinamización lingüística, os complementos de cargo, a baixada da carga lectiva, a homologación, etc… para os que esixen unha calendarización no tempo para a súa negociación futura.
No mesmo escrito trasladouse que o persoal traballador do sector está moi canso e non vemos máis opción que a mobilización, polo que se convoca unha concentración de delegados e delegadas o próximo 5 de maio ás 11:30 horas ante a Consellería de Educación en Santiago de Compostela.
Se non hai un cambio na postura da Consellería continuaremos con outras accións máis contundentes das que se informará puntualmente.
Solicitamos da Consellería un cambio de actitude e a apertura inmediata de novas negociacións que permitan chegar a acordos para os traballadores e traballadoras. Non consentiremos o inmobilismo e o desprezo ao persoal traballador do ensino concertado por parte desta Consellería.
Novas relacionadas

