A CIG-Ensino e o resto de OOSS levan á Mesa Sectorial de Educación a devolución do horario lectivo e a Consellaría ratifica a súa negativa a negociar
Representantes de todas as organizacións sindicais concentráronse esta mañá diante da EGAP, na que se celebra a Mesa Sectorial de Educación, para reclamar a recuperación dos dereitos roubados durante a crise ao profesorado galego.
Así mesmo, despregaron unha pancarta no interior da sala e avanzaron, por boca do secretario nacional da CIG-Ensino, que se interpelará directamente ao presidente Feijóo para desbloquear a negociación.
“Como vimos recentemente no caso do paridoiro de Verín ou da mina de Touro o presidente da Xunta acerta cando rectifica e consideramos que é hora de que rectifique na súa negativa a negociar a devolución dos dereitos que lle arrebatou ao profesorado galego nesta última década, comezando polo do horario”. Así se dirixía o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, aos representantes da Consellaría de Educación na Mesa Sectorial que unha vez máis se negaban a abrir calquera negociación ao respecto. As organizacións con representación na Mesa Sectorial (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e UGT) despregaron unha pancarta co lema da recuperación horaria dentro da sala na que se celebrou a reunión despois de concentrarse no exterior acompañados de representantes das outras dúas organizacións que non están neste órgano (CSIF e STEG).
Despois da folga do 12 de decembro e de que non existira ningún movemento por parte da Consellaría ao respecto, as organizacións sindicais interpelarán directamente a Feijóo até conseguir que se poida recuperar un dereito, que xa teñen noutras CCAA, e que permitirá mellorar considerabelmente a atención ao alumnado en todas as etapas educativas.