
A CIG-Ensino e o profesorado Celga denunciaron nun acto reivindicativo en Lugo o desleixo da Xunta co galego
Continuarán as mobilizacións para exixirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que cese na persecución ao profesorado Celga
No acto léronse textos de Castelao intercalados coa denuncia sobre a situación laboral deste profesorado. Ademais púxose de manifesto o a deturpación do galego que fai a Xunta non seus anuncios publicitarios.
O acto de Lugo presentouno Xosé Ferreiro, da CIG-Ensino, e pechouno o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen deu as grazas ao profesorado CELGA que fixo esta exposición maxistral coa que se evidenciou a situación do idioma e o comportamento da Xunta. “Este conflito co profesorado CELGA é a mostra máis palpable das políticas que práctica a Xunta, que se converteu nunha fábrica de parados, non respecta os dereitos fundamentais e abandona o galego”, afirmou.
As accións contra os despedimentos de profesorado CELGA continuarán nos próximos días cunha recollida de sinaturas, a presentación dunha queixa no Valedor do Pobo e unha concentración o 14 de xuño coincidindo coa realizacións das probas de certificacións do CELGA.