A CIG Ensino e demais organizacións sindicais do ensino subscribimos e apoiamos a petición da creación dun conservatorio profesional de Danza en Santiago de Compostela

Trasladaremos na vindeira mesa sectorial a petición.

A Rede de Conservatorios Profesionais dependente da Xunta de Galiza consta de 8 centros, dos cales tan só un é de Danza. A forte demanda que experimentou a danza nos últimos anos en toda Galicia, fai necesario aumentar o número de centros para posibilitar o estudo a aquelas persoas que o demandan.

As ensinanzas de grao elemental e profesional de danza, ao igual que as de música, cúrsanse entre os 8 e os 18 anos, xeralmente. De aí a dificultade de moitos nenos e nenas para dispoñer de tempo e acompañamento para desplazarse todas as semanas a Lugo, cidade onde se atopa o único centro desta categoría dependente da Consellería de Educación.

É preciso que a Xunta dote de instalacións para a formación profesional en danza, naqueles lugares onde hai unha demanda evidente, como é o caso de Santiago de Compostela, no cal existe unha cantidade moi importante de escolas de danza, pero que carece da posibilidade de estudos que posibiliten a titulación profesional. Compostela é tamén un lugar estratéxico en canto á ubicación e comunicacións con outras vilas e cidades do centro-sur do do territorio galego, ademáis de contar co compromiso do Concello de Santiago, cuxo pleno municipal acordou -por maioría- comezar as conversas coa Xunta para dotar á cidade dun Conservatorio profesional de danza.

A "Plataforma pola Creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela", logo de recibir máis de 4000 sinaturas de apoio á iniciativa e co ánimo de ampliar a base social, cultural é de organizacións políticas e sindicais, reuníuse o día 11 cos sindicatos de ensino que contan con representación, tanto na Mesa Sectorial como nas Xuntas Provinciais de Persoal.

Os sindicatos de ensino CIG-Ensino, CCOO, ANPE, UGT, STEG e CSIF, subscriben e apoian a pretensión da Plataforma, para a creación dun conservatorio profesional de Danza en Santiago de Compostela e comprométense a traballar no seu ámbito, diante das institucións que correspondan para alcanzar dito propósito.

 

Volver