
A CIG-Ensino e as traballadoras das EI municipais da Coruña logran que o Concello fixe data de reunión para negociar a solución do conflito
A noticia chegaba logo das diversas mobilizacións realizadas polas traballadoras e xusto antes da concentración que tiñan convocada para esta mesma tarde en María Pita
Neste contexto, e de cara a facilitar un ambiente positivo na xuntanza coa consellaría de Educación, que quedou fixada para o 5 de marzo, decidiron acurtar a protesta, á que tamén se sumaron familias das crianzas usuarias das escolas, ás que agradeceron o apoio dado. A CIG-Ensino sinala que para recibir esta resposta, as traballadoras tiveron que iniciar mobilizacións, rexistrar un escrito dirixido á alcaldesa e ao conxunto da Corporación local, instando a que desbloquearan a situación con Educación, e mesmo realizar un reparto de follas informativas entre a comunidade educativa explicando cales son as súas demandas e as condicións nas que teñen que realizar as súas tarefas.
Reivindicacións xustas
O responsábel da CIG-Ensino, Henrique García, agarda que a xuntanza da próxima semana sirva para abordar a táboa reivindicativa das traballadoras e estudar as fórmulas legais para dignificar as condicións retributivas, mellorar as xornadas, baixar as ratios e garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais.
Lembra que o actual contrato de xestión das escolas remata en agosto, mais polo de agora descoñécese se o Goberno está preparando os novos pregos, cando ten previsto publicalos ou se ten intención de prorrogar a concesión durante o próximo ano. Neste senso, o representante da CIG-Ensino apunta que xa hai un preacordo para o convenio estatal de ensino infantil (que a central nacionalista non asinou por seguir condenando o persoal á precariedade laboral e salarial) e está previsto que se asine o 5 de marzo.
Urxe elaborar os novos pregos
Este preacordo, critica García, responde aos intereses patronais até o punto de recoller dúas táboas salariais: unha a aplicar aos contratos que se liciten tras a publicación do convenio e outra con subas máis cativas para os contratos de xestión en vigor. “No caso de que este ano non saian os novos pregos, as traballadoras das EI do Concello da Coruña estarán condenadas a esa táboa B, que recolle uns incrementos dos salarios menores para 2025 e unhas subas moi moderadas até o curso 2028-2029”, advirte.
“Isto, sumado á conxelación dos soldos que as traballadoras veñen padecendo dende o ano 2021, fai que as traballadoras das EI queden atrapadas de maneira permanente no SMI”, critica García, quen apunta que no preacordo incluso se estabelece unha cláusula de descolgue do convenio á que se poden acoller as empresas “o que significaría seguir durante máis anos cos soldos conxelados”.
Por iso, as traballadoras e a CIG-Ensino urxen o Concello da Coruña a que prepare os novos pregos para incluír a táboa salarial coas subas máis elevadas e ao tempo que avalía as posibilidades legais de incorporar complementos que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido “xa que o persoal das escolas infantís leva anos percibindo salarios de miseria”.