A CIG-Ensino e as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial reiteraron a súa decisión de reclamar da Consellaría que respecte as canles de negociación

Diante da negativa da Consellaría a aceptar a nosa proposta sindical vímonos novamente obrigados a non participar na reunión

Os representantes das organización sindicais do ensino con representación na Mesa Sectorial Docente Non Universitaria anunciaron esta tarde en rolda de prensa a súa decisión de non participar na reunión convocada para hoxe pola Consellaría de Educación, coa mesma orde do día que provocou o abandono da Mesa Sectorial o pasado 5 de xuño.

A CIG-Ensino, CCOO-Ensino, FETE-UGT e ANPE reafirmámonos na decisión tomada o 5 de xuño de non participar na Mesa Sectorial ante a negativa da Consellaría de non atender a demanda sindical. Volvemos exixir da Consellaría de Educación que respecte as canles de negociación e que  paralice o trámite dos decretos do currículo de FP Básica e primaria, de tal modo que os proxectos de decreto para ditaminar polo Consello Escolar de Galicia sexan os que resulten da negociación realizada na Mesa Sectorial, tal e como é preceptivo. ´

As organizacións sindicais, despois de abandonar a Mesa sectorial o pasado 5 de xuño,  coñecemos a existencia dunha nova convocatoria para o luns polos medios de comunicación, sen que se nos remitise a convocatoria até o venres ás 13:15 horas. Diante da constatación de que se mantiña a orde do día, remitímoslle un escrito á Consellaría no que se lle demandaba que reconsiderara a súa posición. Mais Educación non atendeu a demanda sindical de que se convocase unha nova mesa para tratar os currículos de Primaria e FP Básica, de onde resultaría un texto que sería o documento sobre o que tería que emitir ditame o Consello Escolar de Galicia, como é preceptivo.

Diante da negativa da Consellaría a aceptar a nosa proposta sindical vímonos novamente obrigados a non participar na reunión da Mesa para non avalar prácticas irregulares e a desconsideración absoluta ao profesorado e ás organizacións sindicais que son os seus lexítimos representantes.

Lamentamos esta actitude antidialogante da Consellaría que inviabiliza a participación do profesorado a través das organizacións sindicais, que os representan.

Volver