A CIG-ENSINO e as demais organizacións sindicais deixan soa a Consellaría na mesa sectorial coa súa política de recortes de postos de traballo

Todas as organizacións sindicais decidimos non presentármonos na Mesa Sectorial, ante a gravidade dos continuos ataques da Consellaría ao ensino público

A CIG-Ensino e as demais OO.SS. con representación na Mesa sectorial néganse a formar parte dunha pantomima organizada pola Consellaría, cunha convocatoria de Mesa Sectorial na que se profundiza na política de recortes no ensino público do goberno do PP, coas supresións de postos xa comunicadas ao profesorado afectado, desprezando deste xeito a negociación colectiva e os órganos de negociación.

A CIG-Ensino e todas as demais organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial Docente, denunciamos a actitude da Consellería de Educación ante a convocatoria de Mesa Sectorial o 27 de xullo para impoñer unha redución dos cadros de persoal no corpo de mestres.

Esta negociación teríase que ter feito preceptivamente nas Xuntas de Persoal  provinciais. Polo tanto a convocatoria para negociar o novo catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil e primaria, modificado unilateralmente pola administración educativa, é unha mera simulación xa que os docentes afectados polas supresións resultantes hai semanas que están avisados e xa rematou o prazo para solicitar novo destino.

Por outro lado, os catálogos de postos de traballo de profesorado doutros corpos, nos que tamén se están producindo supresións e redución de docentes nin tan sequera se nos presentan ás organizacións sindicais.

Ante este novo desprezo aos órganos de negociación, as organizacións sindicais decidimos non presentarnos na Mesa Sectorial, convocando ao mesmo tempo unha rolda de prensa na entrada das propias instalacións nas que se ía desenvolver a Mesa Sectorial.

Tal e como xa avanzamos en canto se nos deu traslado do borrador dos novos cadros de persoal , a Consellaría, a piques de rematar o mes de xullo, aproveita para presentar este primeiro recorte dos cadros de persoal dos centros de Educación Infantil e Primaria, como sempre aproveitando os períodos en que o profesorado non está nos centros para evitar a contestación ás regresións que está a aplicar ao ensino público.

Cómpre considerar que este recorte afecta ao profesorado definitivo nos centros, a estes recortes sumaranse, posteriormente, os recortes na adxudicación de profesorado provisional, co que a cifra final de supresións de postos de traballo vaise incrementar aínda notabelmente. Por outro lado estamos a falar de centros de Infantil e Primaria, faltan aínda por confirmarse os recortes en Secundaria.         

Para máis información sobre o recorte de postos de traballo imposto unilateralmente pola Consellaría podes acceder aquí

Volver