A CIG-Ensino e as demais OO.SS. retoman as accións de protesta ante a falta de resposta da Consellaría aos problemas dos traballadores e traballadoras da concertada
Os representantes de todos os sindicatos do Ensino Concertado (FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino, FEUSO e CIG Ensino) retoman as accións de protesta en defensa dos máis de 7.000 empregados e empregadas, que levan 8 anos perdendo salario e dereitos
Desde a reunión co conselleiro do pasado día 5 de decembro, que foi absolutamente decepcionante para os representantes sindicais ante a falta de coñecemento dos temas por parte do máximo responsable do Ensino en Galicia, non houbo resposta algunha por parte da Administración ás demandas presentadas no devandito encontro.
Por este motivo, os representantes das organizacións sindicais decidimos dar novamente un paso adiante e emprender unha serie de accións. Desta forma, hoxe mesmo –ao remate da rolda de prensa- os liberados e liberadas sindicais concentrámonos diante da consellería e, por rexistro, solicitamos a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC). Tamén temos en marcha unha campaña de recollida de sinaturas co lema “negociación na concertada, xa!”.
Estas firmas serán entregadas o vindeiro día 25 de abril, data na que se celebrará unha concentración de delegadas e delegados da concertada diante da Consellería. Se non se conseguen avances significativos, as OOSS teñen previstas outras accións máis contundentes.
Temas a tratar que reivindicamos
O Acordo de Mantemento de Emprego é unha das prioridades, xa que “non temos AME dende o ano 2009, e a perda de unidades suporá un maior paro”. Ademais, as organizacións sindicais recordan os recortes salariais soportados por este colectivo nos últimos anos, consolidados en nómina e que aínda non terminaron de recuperarse, así como a paga extraordinaria de antigüidade dos 25 anos, que non se aboa dende 2010, “sendo Galicia a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada”. O aboamento da coordinación de dinamización lingüística que non se está a cobrar, incumprindo a propia lexislación da Xunta de Galicia, é outro dos temas a tratar. Por todo isto, e ante a situación de recuperación económica “da que tanto se fala, cremos que chegou o momento de empezar a negociar (o gran problema é a negativa a negociar por parte da Administración) un acordo de mantemento de emprego, un acordo de aboamento da PEA e un calendario de recuperación e equiparación salarial e de condicións laborais, así como o pago da coordinación de dinamización lingüística que non están a cobrar os traballadores/as do ensino concertado”.
Actitude "inmobillista e rácana" da Consellaría
O representante da CIG-Ensino, Henrique García, criticou que o conselleiro se negue a convocar a Comisión Tripartita, na que están representados sindicatos, empresas e administración e que se dedique a gobernar a golpe da Lei de Orzamentos Xerais de Galicia. "É absolutamente inadmisíbel que esta lei recolla expresamente a prohibición de negociar cos traballadores e traballadoras da concertada de pagamento delegado", indicou, á vez que lembrou que nos últimos 8 anos este colectivo perdeu un mínimo de 19.000 euros en concepto de salarios, o que leva a que estea ao 93% de equiparación salarial cos empregados e empregadas da pública. "Un dato revelador é que actualmente o persoal da concertada cobra unha media de 40 euros menos mensuais que en 2009", incidiu.
Pero a maiores, Henrique García puxo enriba da mesa o Acordo de Mantemento de Emprego que estivo vixente con gobernos de diversas cores desde o ano 1999 até 2009 e que implica que calquera profesional sería recolocado, ou ben no seu propio centro ou noutro, sempre que se pechen unidades. "A vontade obstrucionista da Consellaría pode verse neste exemplo: non aceden a asinar o AME, malia que os custos deses postos de traballo xa están orzamentados e non se require incrementar o gasto público", sentenciou.