A CIG-Ensino e as comunidades educativas de Melide e Begonte concéntranse antes do Consello Escolar de Galiza para esixir menos propaganda e máis recursos humanos para o ensino público
Durante a concentración coreouse a popular consigna deste curso “Neste cole faltan mans” e esixiuse que se cumpra a normativa de desdobres, catálogos de postos de traballo e apoios que precisan os centros para atender a todo o alumnado.
A CIG-Ensino criticou tamén o plan do conselleiro de Educación para “avaliar” as baixas médicas do profesorado e instouno a avaliar os motivos que hai detrás das mesmas.
Esta tarde a tradicional comparecencia do conselleiro de Educación ante o Consello Escolar de Galiza para dar conta das principais novidades do comezo de curso foi especialmente ruidosa e molesta para Román Rodríguez. Desde unha hora antes da súa chegada ao Edificio Fontán na Cidade da Cultura, delegadas e delegados da CIG-Ensino e unha importante representación das comunidades educativas dos centros de Melide e Begonte que veñen reclamando que se cumpra a normativa da Consellaría, no primeiro dos casos de catálogos de postos de traballo, e no segundo de desdobres, concentráronse para esixir a dotación do persoal que necesitan ambos centros.
Menos propaganda, máis recursos
En declaracións aos medios de comunicación, Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, amosou a fartura do profesorado coas cifras irreais de incremento do profesorado e criticou que o conselleiro queira criminalizar ao profesorado de baixa. Neste sentido, instouno a averiguar que hai detrás desas baixas que, con todo, están por debaixo da media doutros sectores en Galiza, collendo calquera das cifras que dá a Xunta. “Enfermar non é un delito. Hai que avaliar por que cada vez temos listas de agarda máis longas na sanidade, por que hai máis baixas por estrés e ansiedade entre o profesorado e por que cada vez o persoal docente se xubila máis tarde. E en todo caso as baixas determínaas un profesional facultativo sanitario e existen inspeccións médicas e do INSS que xa fan un seguimento das mesmas. Non lle corresponde ao conselleiro estas funcións”, declarou.
En relación aos anuncios de novos plans e programas para primaria e a ESO, indicou que “estes teñen que chegarlles aos centros e non ser propaganda baleira” e puxo como exemplos os dous colexios que hoxe estaban presentes na concentración. Á vez lembrou que a día de hoxe hai moitos centros aínda sen o persoal que precisan desde antes do inicio de curso ou reclamando infraestruturas dignas.
Pola súa banda, Virginia Seoane, presidenta da Anpa do CEIP Mestre Pastor Barral de Melide declarou que levan 13 días sen enviar ao alumnado ao centro porque a Consellaría incumpre o catálogo de postos de traballo ao non dotalos da mestra de Francés que lles corresponde. “Isto supón que a titoría dun curso en Primaria teñan que asumila tres docentes diferentes e que o alumnado quede sen os apoios que precisa”, explicou, á vez que lembrou que este é o centro de referencia na contorna para alumnado con necesidades educativas e que conta cunha aula específica (alumnado NEE atendido por unha persoa especialista en Pedagoxía Terapéutica). A non dotación desta praza supón que o profesorado que ía facer estes apoios teña que dedicarse a esta titoría. Despois dunha reunión co director territorial, a xefa de inspección provincial e o inspector de zona non recibiron máis resposta que que “había que optimizar recursos”, polo que insistiu en que non están pedindo privilexios senón os dereitos que lles pertencen aos seus fillos e fillas.
Como representante da ANPA do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte interveu Adrián Rocha quen lembrou que no seu caso o alumnado de infantil suma 29, ao computar alumnado con necesidades como dobre ou triplo. Segundo a normativa corresponderíanlles 3 aulas e unha mestra de apoio pero a Consellaría négalles o desdobre, mantendo só as dúas aulas actuais. Despois de remitir escritos á Dirección Territorial e á Valedora do Pobo seguen sen obter resposta por parte da Xunta.
Incidencias en múltiples centros
A CIG-Ensino ten constancia de moitos máis casos de falta de profesorado en toda Galiza, en concreto nos colexios de Guntín en Lugo, Mosteiro de Caaveiro, Esteiro e Pazos de Ferrol, Santa María das Pontes, Salceda de Caselas, Infante Felipe de Vigo, O Covelo, Mariñamansa e Seixalbo de Ourense, Os Dices en Rois, Silleda, Vila de Cruces, Prado (Lalín); no CEE López Navalón de Santiago; nos IES de Vila de Cruces, Pazo da Mercé das Neves, Castro da Uz das Pontes, Fernando Blanco de Cee, Sanxillau de Lugo, Monterroso, Universidade Laboral de Culleredo e de Ourense, Perdouro en Burela, Marqués de Sargadelo de Cervo, no IES Chapela e no IES Pedro Floriani de Redondela, nos CIFP A Granxa, CIFP Ferrolterra, CIFP Paz Andrade, Manuel Antonio e CIFP Audiovisual de Vigo, CIFP As Mercedes de Lugo, no CIFP Politécnico de Santiago, no CIFP Leixa de Ferrol, CIFP Paseo das Pontes da Coruña e no Politécnico de Lugo, CIF Portovello, CIFP Ánxel Casal, CFEA de Guísamo... En moitos destes casos o alumnado leva dúas semanas de clase sen profesorado ou mesmo sen titores e titoras.

