A CIG-Ensino distribúe entre o profesorado a campaña “Eu Ensino en Galego” para reverter nas aulas os efectos de 15 anos de “De(s)creto para a nosa lingua”

O sindicato apela directamente ao colectivo docente para que se converta en axente activo de normalización entre alumnado e familias á vez que defende a galeguización do ensino como elemento chave para recuperar falantes e o prestixio da nosa lingua

A campaña ten unha dobre vertente. Por un lado de denuncia dos efectos das políticas lingüísticas e nomeadamente do Decreto de Plurilingüismo do ano 2010 que levaron a que por primeira vez na historia o galego non sexa o idioma máis falado en Galiza e a datos alarmantes de perda de uso entre a poboación máis nova. E, por outro, unha campaña en positivo con material divulgativo (chapas, colantes, calendarios, imaxes dixitais, guía para a actualización do proxecto lingüístico de centro...) para visibilizar o compromiso docente e darlle a volta á situación de “emerxencia lingüística”.

Este comezo de curso estivo marcado pola resposta contundente do profesorado galego contra a propaganda e os recortes da Consellaría de Educación, mais tamén por unha campaña que a CIG-Ensino despregou polos centros de ensino baixo o lema “Eu Ensino en Galego”. Nela interpela directamente ao profesorado a que visibilice en primeira persoa que emprega o galego no seu traballo diario co obxectivo de que tome consciencia do seu papel como modelo educativo e social no ámbito lingüístico, fundamentalmente entre o alumnado e as familias coas que ten contacto. Á vez xógase co dobre significado da defensa dun Ensino en Galego como única saída ante os datos cada vez máis alarmantes de perda de uso e de competencia na nosa lingua precisamente entre a poboación que remata a escolarización obrigatoria.

O material que compón esta campaña está formado por chapas e colantes, calendarios de mesa e de peto, imaxes virtuais para as redes sociais e unha Guía para a posta ao día do Proxecto Lingüístico de Centro (PLC), en formato físico e dixital, descargábel desde a páxina web da CIG-Ensino. Está previsto que se sumen novos materiais ao longo do curso elaborados por docentes especialistas en sociolingüística con propostas normalizadoras específicas para as distintas etapas educativas.

Os obxectivos desta campaña foron presentados esta mañá en Compostela, nunha comparecencia ante os medios de comunicación, pola secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, pola responsábel de Formación, Ana Rodiño, e pola docente de Lingua, Sofía Rama, autora da Guía de actualización do PLC, que ten á súa vez dúas versións, unha máis reducida para dar a coñecer en que consiste este plan, que deben renovar todos os centros cada catro anos, e outra máis longa coa que se pretende axudar na súa elaboración de forma rigorosa, baixo a coordinación da persoa responsábel de dinamización e normalización lingüística, para que durante o tempo de vixencia poida ser aplicado tanto na actividade académica como na extra académica.

Os datos que se derivan de “Dez anos De(s)creto”

Na súa intervención Laura Arroxo explicou que aínda que a filosofía da campaña é achegar unha visión en positivo e posibilista “porque cremos firmemente que é posíbel reverter a situación de emerxencia lingüística actual e que isto pasa ineludibelmente por unha aposta real polo galego no sistema educativo, non é menos certo que somos conscientes da situación dramática na que nos atopamos. Lanzamos esta campaña” -indicou- “para combater a política lingüística da Consellaría de Educación que segue sen derrogar o Decreto do Plurilingüismo, que é o principal, aínda que non único, responsábel de que unha xeración enteira de persoas mozas nos últimos 15 anos saia do sistema educativo sen dominar a nosa lingua. Somos conscientes de que algunha desas persoas estase incorporando nestes momentos ao ensino como profesorado e, polo tanto, hai que pensar que non coñeceron outra realidade. E o mesmo con quen está activo e se incorporou neste tempo ao ensino”.

Pola súa banda, Ana Rodiño, docente de Lingua e membro da executiva nacional da CIG-Ensino comentou que ademais da vertente en positivo a campaña conta tamén cunha parte de denuncia. “Mediante un cartaz que leva por título 15 anos de (Des)creto quixemos poñer de manifesto cal é o haber desta normativa no eido do ensino neste período. Para a CIG-Ensino o pouso que queda é que supuxo un total “descreto” para a nosa lingua -de aí o título-, desvalorizándoa, quitándolle prestixio e desterrándoa de moitas etapas educativas nas que nin sequera se mantén un status ritual, como en educación infantil nas cidades ou na Formación Profesional. Os datos están aí. O máis evidente é que por primeira vez na historia o galego é a lingua menos falada no noso país. Os datos do IGE sitúan a porcentaxe de galegofalantes nun 46% fronte a un 53% do castelán e no caso da poboación entre 5 e 14 anos as proporcións sitúanse en que apenas fala galego o 16% fronte ao 84% que se expresa só en castelán ou máis en castelán que en galego. A tendencia ao descenso é brutal dado que baixa a máis da metade con respecto a 2008 en que a porcentaxe de só galego ou máis galego era do 36% nesta franxa de idade. Así pois, isto demostra que a escola actúa como un potente axente desgaleguizador e de novo hai que apuntar ao Decreto de Plurilingüismo. A prohibición de impartir Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego e a falta de materiais didácticos e dunha aposta real pola galeguización en contornas nas que o estudantado é monolingüe en castelán están detrás destes datos, apuntou. Neste sentido, na campaña ponse de manifesto que o galego só se emprega nun 9% nas aulas de infantil das vilas e cidades con máis de 50.000 habitantes e que, segundo o informe da RAG Prácticas lingüísticas na infancia, publicado no ano 2021 baixa o seu uso en todos os ámbitos (na escrita, como lingua das clases, cos compañeiros e compañeiras e na interacción oral co profesorado).

Neste sentido, as responsábeis do sindicato fixeron fincapé en que o problema está en que non se garante unha mínima competencia na nosa lingua “polo que é imposíbel que se use. De novo as cifras son claras. A enquisa do IGE indica que un de cada catro menores de 14 anos afirma non saber falar galego, o dobre que no ano 2008, polo que só cunha implicación moi activa do profesorado, que ten que facer o que non fai a Xunta de Galiza, rescatar o galego da súa situación agónica e concienciar ao resto da comunidade educativa, se pode reverter esta situación, destacaron.

Chamada á visibilización e á acción

A CIG-Ensino divulgará en conxunto a campaña “Eu Ensino en Galego” confrontada con esta realidade lingüística a través de infografías diferenciadas para simbolizar a forza que ten o compromiso docente. Así, as responsábeis da CIG-Ensino instaron ao profesorado a visibilizar o material da campaña nos centros, sobre todo as chapas e os colantes para que o alumnado poida saber do seu compromiso e chamar así a atención de toda a comunidade educativa e, por suposto, a empregar o galego en todos os contextos: na docencia, nas actividades extraescolares, nas titorías, na comunicación coa administración e coas familias, na elaboración de materiais e recursos didácticos... Esta visibilización tamén se debe dar no mundo dixital “no que hoxe tamén se move o noso alumnado e no que se desenvolve boa parte da actividade docente (aulas virtuais, comunicación por Abalar, Edixgal, FP a distancia...)

“Esta campaña é unha ferramenta máis, como o é o Proxecto Lingüístico de Centro” -explicou Sofía Rama- “que ten que ser un recurso vivo e eficaz para a normalización partindo do contexto e das particularidades de cada colexio, instituto ou centro educativo, que sempre son diglósicas. A través de ferramentas como o Tratamento Integrado das Linguas neste documento ten que recollerse a decisión do centro de en que lingua se imparte cada materia propiciando as transferencias a partir da lingua minorizada, as medidas que se van poñer en marcha para que o alumnado adquira competencia nas dúas linguas cooficiais ao remate da etapa e o fomento da lingua galega dentro do funcionamento do centro. Ademais debe preverse que accións se van levar a cabo para que o alumnado que non teña suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se imparten. Neste aspecto, por exemplo, a proposta da CIG-Ensino, que recolle a visión de especialistas en sociolingüística aplicada ao ámbito educativo, recomenda que o galego sexa a lingua de acollida para o alumnado migrante e que se reforce o seu uso en contextos maioritariamente castelán falantes”, sentenciou.

Volver