A CIG-Ensino difunde recursos didácticos para homenaxear a Carvalho Calero durante o mes das nosas Letras
Malia que a RAG decidiu retrasar até o 31 de outubro a celebración prevista para o 17 de maio por mor da pandemia, a CIG-Ensino súmase a outras entidades que piden o traspaso desta celebración a 2021
Animamos o profesorado galego a enriquecer a listaxe de propostas de divulgación educativa da obra do profesor e escritor ferrolán para poder traballar con elas no que resta de curso académico.
A celebración das Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero vén marcada este ano pola alarma sanitaria provocada pola COVID 19. Neste momento a data de celebración por decisión da RAG está fixada para o 31 de outubro, por máis que algunhas entidades, entre as que se atopa a CIG-Ensino, solicitásemos o adiamento da celebración para o vindeiro ano 2021.
Ante esta situación e en vista de que nos foron chegando propostas de divulgación de materiais desde distintos centros docentes e de compañeiros e compañeiras particularmente, publicamos unha serie de recursos sobre Ricardo Carvalho Calero coa angueira de que sexan de proveito e utilidade didáctica sexa cal for a data oficial para homenaxealo e que ben se poden empregar ao longo do que queda de curso para dar a coñecer esta figura entre o alumnado.
Desde a CIG-Ensino dámoslle os parabéns a todo o persoal docente que levou a cabo estes proxectos nunha situación excepcional como a actual e agradecémoslle que nolos fixeran chegar. Así mesmo, agardamos poder seguir enriquecendo este repositorio con máis propostas pensadas para celebrar o ano Carvalho Calero.